A primeira sesión dos Foros #aculturasegue aborda os desafíos e oportunidades que as novas plataformas e ferramentas tecnolóxicas presentan aos profesionais e institucións culturais no contexto actual. Para tratar estes temas contamos coa participación da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do comisario de exposicións e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.
|
OLGA SEVILLANO PINTADO Licenciada en Historia da Arte pola Universidad Autónoma de Madrid, diploma en Crítica de Arte pola Fundación Claves del Arte e Máster en Comisariado e Prácticas Culturais en Arte e Novos Medios por MECAD/ESDI e Universidad Ramón Llull de Barcelona. Desde 2011 é responsable dos proxectos dixitais do Museo Reina Sofía exercendo a coordinación, xestión e desenvolvemento da web do Museo, a RRS Radio do Museo Reina Sofía e a web https://guernica.museoreinasofia.es, gañadora dun premio internacional Webby 2018 á mellor web dunha Institución Cultural. Desde 2012 realiza charlas e obradoiros relacionados cos Museos e o seu papel no contexto dixital. |
![]() |
|
MANUEL GAGO MARIÑO Profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega. É tamén divulgador científico e cultural con espazos en diferentes medios de comunicación de Galicia, así como comisario de exposicións con ampla experiencia en mostras vencelladas ao eido cultural e histórico, como foi o caso de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición da Xunta polo Xacobeo 2021, que pechou as súas portas o pasado mes de abril no Museo Centro Gaiás. |
![]() |
Foros #aculturasegue
Os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración do Xacobeo 2021. Enmárcase no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego, e pode seguirse de balde por videoconferencia. O ciclo desenvolve un total de oito webinarios arredor de diferentes temáticas, celebrados semanalmente coa participación de figuras de consolidada traxectoria no sector das industrias culturais.


