Co gallo do centenario do nacemento de Camilo José Cela, a Cidade da Cultura acolle a presentación do libro homenaxe Mazurca para Camilo José Cela, que reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do escritor padronés nos que se recupera a memoria do que foi un dos artífices das mellores páxinas da literatura española de todos os tempos.
A presentación contará coa intervención do presidente da Real Academia Española, Darío Villanueva, autor do prólogo da obra; Paco López-Barxas, promotor da iniciativa; e Xosé A. Perozo, autor dun dos textos do volume e responsable de Auga Editora. Ao remate, terá lugar unha visita comentada pola exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que se mostra no Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro.
A figura e a personalidade de Camilo José Cela, a narrativa, a poesía e o teatro, así como a súa vocación xornalística ou editora, conxúganse neste libro coas experiencias persoais que mantiveron co autor outros colaboradores deste libro, xa falecidos, como Mariano Tudela, Domingo García Sabell, Fernando Huarte Morton ou o que fora o seu secretario particular, Juan Benito Argüelles.
Os traballos comprendidos no volume, editado por Auga Editora en colaboración coa Xunta de Galicia, tiveron a súa orixe hai trinta anos en Madrid, na primavera de 1986, con motivo do 70 aniversario do nacemento do escritor padronés, coincidindo coa adquisición do primeiro edificio da actual sede da Fundación do escritor en Iria Flavia. Agora, con motivo do centenario, preséntase unha coidada edición cun novo prólogo de Darío Villanueva, e algúns textos corrixidos e aumentados, como o que César Antonio Molina asina a propósito da poesía de Camilo José Cela. A capa do libro que agora se edita reproduce para esta edición un retrato fauvista de CJC, realizado pola pintora Isabel Pintado, así como unha efixie escultórica da artista galega Soledad Penalta na contracapa do volume.
