A Cidade da Cultura pon en marcha do 23 de decembro ao 4 de xaneiro un Nadal no Gaiás moi musical para gozar toda a familia. Teatro, baile, obradoiros e o tradicional concurso de postais completan a oferta para estas datas na Cidade da Cultura.
O programa arranca o 23 de decembro con El Sastrecillo Valiente, un clásico dos irmáns Grimm convertido nesta ocasión nun espectáculo musical para monicreques. Dirixido polo prestixioso Enrique Lanz e en co produción co Teatro Real, Etcétera, ABAO-OLBE e o Festival Internacional de Música y Danza de Granada, El Sastrecillo Valiente toma como punto de partida a obra musical de Tibor Harsanyi, partitura para moniquecres realizada en 1950 para oito instrumentistas que conta a historia dun home sinxelo que, por un malentendido, acada poder e fortuna, pero que nos ensina a non guiarnos polas falsas aparencias.
Premio Nacional de Artes Escénicas
El Sastrecillo Valiente é unha das últimas producións da compañía andaluza Etcétera, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2014 e un referente do teatro contemporáneo español. A obra terá lugar no Museo Centro Gaiás ás 18:30 horas e está pensado para nenos a partir de 6 anos. As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás, ataquilla.com (+gastos de xestión) ou nos puntos físicos de Ataquilla a un prezo de 6€ na zona A e de 4€ na Zona B. Como todas as actividades da Cidade da Cultura existen descontos e promocións.
O ritmo continuará o 28 de decembro con Nadal Rock, velada musical para grandes e pequenos ao ritmo dos bailaríns de Blanco y Negro Studio e con temas interpretados por unha das bancas rockabilly con máis sona de Galicia: Mad Martin & The Blue Christmas Combo. Clásicos de Nadal de Elvis, Brian Setzer, Bill Haley&His Comets, Reverend Horton Heatou JD McPherson formarán parte do repertorio a interpretar. As entradas xa están a venda a 3€ no Museo Centro Gaiás, ataquilla.com (+gastos de xestión) ou nos puntos físicos de Ataquilla, ademais de ofertas e descontos.
As citas musicais rematarán o 3 de xaneiro cun dos imprescindibles do Nadal no Gaiás: o festival solidario Cancións por regalos da man de Ernie Producciones. As normas son claras: trae un regalo, goza das mellores cancións do momento e fai feliz a un neno o Día de Reis.
O Nadal no Gaiás non será só música. A literatura, a creatividade e o teatro tamén serán protagonistas a través dos obradoiros da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Do 26 ao 29 de decembro, esta institución celebrará catro obradoiros artísticos ao redor da Xeración Nós e o traballo dun dos seus máximos expoñentes: Castelao. E xa do 2 ao 4 de xaneiro, Bonecos en escena permitirá crear unha peza de teatro cos monicreques elaborados polos propios participantes.
Visitas familiares á exposición de Cela
Para a última semana de decembro, a exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade ábrese ás familias con percorridos adaptados nos que gozarán por igual grandes e pequenos. Despois dunha visita comentada á exposición, na que descubrirán a obra do Nobel galego, maiores e cativos entrarán no Estudo do Escritor. Alí experimentarán os segredos da creación literario nun obradoiro creativo no que aprenderán a crear personaxes e contar as súas propias historias como auténticos literatos. Tanto os cinco obradoiros da Biblioteca de Galicia como as visitas familiares á exposición de Cela son de balde mais é preciso inscribirse previamente.
Finalmente, a Cidade da Cultura convoca, un ano máis, o tradicional Concurso de postais. As normas son claras: se tes entre 0 e 9 anos, colle o patrón que Cinta Arribas deseñou como base, imaxina o teu propio Nadal no Gaiás e constrúe a túa propia postal. As seis mellores recibirán un pack familiar (catro entradas) para o espectáculo Nadal Rock e un agasallo.
