A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o vindeiro 5 de novembro no Gaiás un magosto familiar cos contos da narradora Raquel Queizás.
A partir das 18 horas, o Museo Centro Gaiás acollerá Un magosto de Medo, no que os participantes aprenderán a elaborar o tradicional rosario de zonchos, o colar de castañas cocidas típico do Día de Defuntos. E antes de comezar coa contada, nenos e maiores tiznarán a cara tal e como manda a tradición dos magostos.
Unha vez ambientados para a ocasión, a narradora Raquel Queizás descubriralles aos participantes contos tradicionais, lendas de cada recuncho do país, adaptacións de contos de autor e historias propias nas que todos serán protagonistas. O outono, o Samaín, a noite de Defuntos, a Santa Compaña ou os magostos centrarán esta contada de medo.
Un Magosto de Medo está recomendado a partir de 5 anos e para participar só é preciso inscribirse de balde en cidadedacultura.gal.
