As Torres Hejduk da Cidade da Cultura iluminaranse esta noite de azul con motivo da celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo baixo o lema Inclusión, tolerancia e respecto.
Tal e como ven sendo habitual nos últimos anos, a Cidade da Cultura súmase así ao movemento Light it up Blue, que tingue de azul monumentos emblemáticos de varias cidades para visibilizar este trastorno e amosarlle o seu apoio ás persoas con autismo e as súas familias.
Esta iniciativa realízase en colaboración con Aspanaes e a Asociación Por Dereito, entidades que defenden os dereitos das persoas co Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), ademais de perseguir a súa integración, educación e apoio social. Ata a Cidade da Cultura se desprazarán membros de ambas as asociacións nunha convocatoria lúdica para reivindicar unha maior concienciación e visibilización dun trastorno que afecta a un de cada 150 nenos e nenas galegas.
Con este acto simbólico, a Cidade da Cultura súmase ao movemento ‘Light it up blue’, promovido por Autism Speaks, xunto a outros monumentos emblemáticos como a Torre Agbar de Barcelona ou a Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia. Galicia xa formara parte desta iniciativa en anteriores edicións a través do Concello de Cambados, que iluminou de azul a reprodución da estatua da Naiciña de Asorey, e ao que este anos se suman en Compostela o Pazo de Raxoi, o Pazo de San Xerome e a Catedral de Santiago.
