A Xunta apoia con 60.000 € o desenvolvemento de seis novos proxectos en residencia artística no Gaiás

Santiago de Compostela, 15 de Setembro de 2026

Este mes de setembro dan comezo as últimas residencias artísticas do ano na Cidade da Cultura, correspondentes á quinta edición das axudas das Residencias Artísticas do Gaiás, nas que a Xunta de Galicia inviste este ano un total de 60.000 euros. A través delas, o Goberno galego apoia o desenvolvemento de seis novos proxectos creativos, seleccionados entre 130 candidaturas recibidas.

No acto de benvida para os novos artistas residentes, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou “o rol fundamental que exerce en Galicia a Cidade da Cultura como espazo creativo, polo que pasaron este 2026 máis dun cento de artistas e 40 técnicos”. Sobre os proxectos, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceu “a súa capacidade para conectar vangarda e tradición, atreverse á abordaxe de cuestións actuais de fondo calado ético, como a manipulación do ADN, e a buscar sinerxías entre disciplinas, como a literatura coa danza, a enxeñaría de telecomunicacións coa música ou as artes plásticas coa performance”.

Cada proposta recibirá unha achega de 8.000 euros para o seu desenvolvemento en estadías de entre tres semanas e mes e medio no Gaiás. Contará, ademais, co acompañamento dunha persoa mentora experta e cos espazos, recursos humanos e técnicos da Fundación Cidade da Cultura. O resultado do seu traballo presentarase ao público a finais de novembro.

Residencias de setembro a novembro

Este mes de setembro inician a súa residencia os proxectos Viravento pluvial, de Carlos Fer (modalidade de deseño), Terremoto, de Manuela Pereira (seleccionada na nova categoría de investigación e curadoría artística e cultural) e Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor, de David Santos (música).

En deseño, o artista Carlos Fer aposta por crear un dispositivo móbil de metal e elementos cerámicos que responde á chuvia e ao vento, partindo do funcionamento do pluviómetro. O proxecto inspírase na olaría galega de centros con gran tradición como Buño, Gundivós, Niñodaguia ou Bonxe para xerar, desde unha perspectiva contemporánea, unha experiencia de observación ao aire libre ao redor do movemento, as variacións do clima e a materia.

Terremoto, de Manuela Pereira, desenvolverá un novo programa de encontros entre artistas, pensado para dar a coñecer ao público as diferentes formas de traballar na arte galega actual. Cun formato audiovisual centrado no diálogo e no encontro entre diversas disciplinas, a proposta busca poñer en valor os procesos creativos máis aló da obra rematada.

En música, o intérprete e compositor David Santos dará forma a un Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor. Trátase dunha peza orixinal para o instrumento clásico que incorporará ao mesmo pequenos autómatas que actuarán como asistentes de interpretación. Isto permitirá explorar novas sonoridades e posibilidades expresivas do contrabaixo, imposibles de executar para un único músico humano, como simultanear percusións co arco ou executar pizzicatos de alta velocidade.

Arquivos que se bailan, arquitecturas que se visten

A finais de outubro comezarán a traballar na Cidade da Cultura os artistas seleccionados en artes escénicas, visuais e proxectos innovadores e arte dixital. Levitare. Movéndose por riba das palabras, da bailarina Suevia Rojo, investigará como traducir á linguaxe corporal e á danza os materiais da Biblioteca e Arquivo de Galicia da exposición Mulleres sobranceiras. Luísa Villalta: música, palabra e compromiso.

No campo das artes visuais, o artista Ventura Pérez deseñará e confeccionará unha peza téxtil, que poderá ser á vez vestida e habitada, para dar forma a Arquitectura en lugares insospeitados. Unha obra que parte da icónica imaxe dos arquitectos vestidos cos seus propios edificios en 1930 en Nova York e dos traballos de artistas como Michael Rakowitz ou Lucy Orta, entre outros.

Finalmente, Judith Adataberna abordará os debates éticos sobre a euxénese en In Vitro Ex Vivo, proposta seleccionada na modalidade de proxectos innovadores e arte dixital. A obra concretarase nunha vídeo-instalación ao redor dun tanque de vidro que representa unha incubadora artificial, onde habita unha criatura cuxo desenvolvemento se mostrará proxectado en vídeo. Cunha proposta visual de impacto, a obra busca facernos reflexionar sobre a manipulación xenética e as implicacións da creación de vida fóra do corpo humano.