Levitare, de Suevia Rojo, é a proposta seleccionada na modalidade de artes escénicas das Axudas REGA 2026. Trátase dunha proposta que busca transformar a palabra en movemento, usando o arquivo da Biblioteca de Galicia e a exposición Mulleres sobranceiras. Luísa Villalta, Música, palabra e compromiso como material para a investigación e a tradución dos seus textos e poesías á danza e á linguaxe corporal.
O proxecto explora as posibilidades de transformar un arquivo (aparentemente de carácter material e estático) nunha proposta dinámica e performativa, co movemento artístico corporal como eixe central. A artista investigará tamén as posibilidades que ofrecen os diferentes espazos da Cidade da Cultura desde o punto de vista escénico e performativo como parte da montaxe final de Levitare. Contará, ademais, coa colaboración do músico Diego Rojo Garrido, intérprete de laúde especializado en música medieval, barroca e do Renacemento, quen creará o espazo sonoro da peza. O director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, será o mentor que acompañará o desenvolvemento do proxecto durante a súa residencia no Gaiás.
Suevia Rojo (Santiago de Compostela, 2002) é unha bailarina e intérprete galega independente. Actualmente reside no Porto (Portugal), onde traballa en proxectos tanto individualmente como en colaboración con outros artistas, compañías e coreógrafos, como o Centro Coreográfico e Teatro Municipal do Porto, Kale Companhia de Dança, Teatro Aveirense, Julio Cerdeira, Patrick Lander ou Roberto Olivan, entre outros.
A súa investigación artística explora como se pode abordar o corpo como espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. Acadou o terceiro premio no Xuventude Crea 2019 con Fío de Prata e foi beneficiaria da bolsa para perfeccionamento de estudos artísticos da Deputación da Coruña, na área de danza e movemento, nos anos 2020 e 2022. En 2025 foi seleccionada nas Residencias Paraíso do Colectivo RPM polo proxecto Incorpórea.
