Residencia artística de «Entre Feldman» co Festival RESIS | REGA 2026

Entre Feldman é a proposta de música expandida que protagoniza a residencia artística en colaboración co Festival de Música Contemporánea RESIS para este ano, que se desenvolve no Gaiás entre o 26 e o 29 de maio de 2026.

Esta nova obra combina o talento do artista multidisciplinar Niño de Elche, a agrupación Arxis Ensemble, o compositor Héctor Cavallaro e a soprano Margarita Rodríguez, baixo a dirección de Armando Merino, para dar forma a unha proposta de hibridación absoluta entre performance, electrónica e música de cámara, completada polas imaxes concibidas para a ocasión por Lois Patiño, un dos cineastas e creadores visuais galegos máis prestixiosos.

O compositor estadounidense Morton Feldman (1926- 1987) é o protagonista ao que rende homenaxe o RESIS no centenario do seu nacemento. Considerado un dos compositores máis singulares do século XX, Feldman redefiniu o concepto de tempo na música, empregando o silencio, a repetición e a duración expandida como unha invitación a vivir o son dunha maneira case plástica, establecendo un interesante diálogo coas pinturas de Mark Rothko, Philip Guston ou Jackson Pollock, expoñentes do expresionismo abstracto na súa época.

Xornada de portas abertas

O público poderá achegarse ao proceso creativo de Entre Feldman nunha xornada de portas abertas que se desenvolverá no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia o día 29 de maio de 17:00 a 19:00 horas. Para asistir a esta xornada de portas abertas é necesario reservar praza, de balde, na columna dereita desta web.

Neste encontro, os intérpretes explicarán os ingredientes que serviron de inspiración para compoñer esta nova obra musical, unha peza que convida a unha escoita pausada e inmersiva, na que o son se desprega como textura e presenza. Ademais, mostrarán como a partir de elementos característicos da obra de Feldman, constrúen un espazo onde a música e as artes plásticas dialogan.

A obra terá a súa estrea absoluta no concerto de clausura do Festival RESIS, o 30 de maio ás 20:00 horas no Plató virtual da Cidade das TIC da Coruña (entradas esgotadas), e viaxará posteriormente a Madrid para volver ser interpretada no Círculo de Bellas Artes da capital española o sábado 6 de xuño, como parte da programación expandida do festival.