A quinta convocatoria das axudas REGA para o desenvolvemento de proxectos artísticos a través de residencias na Cidade da Cultura, beneficiará este ano 2026 ata seis propostas de creación e investigación. Nesta edición, poderán optar ás axudas proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, o deseño, a arte dixital, e tamén, como novidade, proxectos de investigación e curadoría artística e cultural.
Cada persoa beneficiaria recibirá unha axuda de 8.000€, que inclúe os gastos de desenvolvemento, transporte, estancia, manutención e aqueles relacionados coa presentación pública do resultado da residencia. A selección farase en réxime de concorrencia competitiva e cada proposta contará co acompañamento dunha persoa mentora experta durante o tempo que dure a residencia.
As estadías terán unha duración de entre tres semanas e mes e medio máximo, e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2026 nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Quen pode participar
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto vinculado ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño, investigación e curadoría cultural e artística, e proxectos artísticos innovadores que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos no seu proceso. O prazo de solicitude está aberto desde o 9 de abril ao 8 de maio de 2026, ambos incluídos.
Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos deberán ser de creación específica, orixinais e inéditos.
Documentación a achegar
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude unha memoria do proxecto na que deberá constar:
- A) Categoría a que se atopa vencellado o proxecto.
- B) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.
- C) Concepto/idea artística incluíndo obxectivos que se pretenden acadar.
- D) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento realista e ben definido en relacións ás posibles fases do proxecto.
- E) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística da/s persoa/s participante/s.
- F) Currículo vitae detallado da/s persoa/s solicitante/s.
A extensión máxima desta memoria será de 30 páxinas en formato PDF (tipo de letra Arial 11, espazo de 0 puntos e interliñado sinxelo). Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.
Dotación
Cada axuda está dotada cunha achega de 8.000 euros, suxeito ás retencións que sexan de aplicación. Ademais da dotación en metálico, a Fundación Cidade da Cultura porá a disposición das persoas beneficiarias:
- Un espazo para desenvolver a residencia.
- Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto.
- Unha persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.
O pago da dotación económica será en dous prazos; o 75% ao inicio do período de residencia e o 25% restante coa presentación da memoria final (que deberá realizarse antes do 25 de novembro de 2026).
