O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Cidade da Cultura unha nova edición de Escenas do cambio, o festival de artes escénicas de vangarda impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que se desenvolverá entre o 7 e o 10 de maio no Gaiás e no Salón Teatro coa participación de artistas e compañías de Alemaña, Bélxica, Brasil, Colombia, Cuba, Guinea Ecuatorial, México, Portugal, Lituania e España.
Durante a presentación desta iniciativa que suma xa 12 edicións, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor a oportunidade que supón esta iniciativa para “fomentar o diálogo creativo entre diferentes rexións e países”. Neste senso, engadiu que baixo a dirección artística da bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta, Escenas do cambio contará este ano coa participación de oito coproducións internacionais e tres nacionais sumando un total de 11 espectáculos con tres estreas absolutas e outras sete pezas que poderán verse por primeira vez en Galicia, das cales tres son tamén estreas a nivel español.
En concreto, para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, na que se rescatan os saberes ancestrais de tres líderes nativos das primeiras nacións americanas.
O festival de teatro, danza e arte en acción do Gaiás será tamén o lugar onde se poderá ver por primeira vez en España Fear:less, un pas de deux ideado pola alemá Silke Z. que abandona o simbolismo romántico clásico destes duetos para construír unha obra na que a conexión física dos bailaríns cuestiona o medo actual ao contacto físico.
Conexións creativas desde Galicia
Na mesma liña de colaboración entre artistas e compañías con procedencias diversas traballan as dúas estreas con ADN galego que terá o festival: 52-Blau e Black Box. Unha saga épica. A primeira é unha obra que muta co espazo, dirixida por Elena Castellanos e Xián Martínez. Producida por iXa, compañía de danza con identidade mixta entre Galicia, País Vasco e Navarra, conta coa apoio do Centro Coreográfico Galego.
En Black Box, Hugo Torres (ex-Voadora) convida ao público a unha cea escénica na que irá debullando a súa liñaxe familiar para reclamar a pegada na historia das personaxes anónimas que non chegan a figurar nos libros. Trátase dunha peza internacional que conta coa produción do Centro Dramático Galego, a compañía portuguesa Trigo Limpo e o FITEI - Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto. O público terá ocasión de achegarse ao proceso creativo desta proposta o próximo 27 de marzo, nun encontro aberto dentro das residencias escénicas DescArtes que promoven o Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura.
A última estrea absoluta de Escenas do cambio será Este himno llevará la palabra Euforia, coa que a recoñecida compañía vasca La Intrusa (Premio Nacional de Danza 2015) quixo celebrar no marco do festival os seus 30 anos en activo.
Resistencia, revelación, reinvención
Revelesencia é o termo —entre revelación, efervescencia e esencia— co que Kirenia Martínez Acosta define un programa que interrelaciona tres camiños a través das artes escénicas: o camiño do que persiste, o do que se revela e o camiño que se reiventa baixo novas formas. Neste paraugas temático teñen cabida os saberes antigos, as memorias dos territorios, os afectos, as ecoloxías sensibles e os corpos fóra da norma.
Precisamente para dar visibilidade a estes últimos está Entrecruzad@s, peza de Juliana Reyes que constrúe unha partitura viva sobre a identidade, a exclusión e a posibilidade de comunidade, involucrando a artistas de España, Colombia, México e Guinea Ecuatorial. Das soidades do mundo actual, entre as que se contan persoas migrantes, maiores, profesionais solitarios ou buscadores de afecto virtual, así como das posibilidades de conexión e amizade ocúpase La Calidesa, a innovadora proposta entre o teatro de obxectos e a instalación interactiva da premiada compañía balear Société Mouffette.
Para completar a programación, en Horizontes Errantes, Laura Aris e Jakob Jautz transforman en danza e teatro físico a súa peregrinación artística pola Selva Negra alemá e o Camiño de Santiago desde Asturias a Galicia, coa música do portugués Jorge da Rocha, nunha peza realizada grazas ao apoio do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.
Toda a información de Escenas do cambio está dispoñible na web do festival. As entradas poden adquirirse xa en Ataquilla.
O festival conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, o Goethe Institut, o Camões–Centro Cultural Português em Vigo, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego.
