Domingo Fontán. O primeiro rostro de Galicia | Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia 2025

A figura do matemático e xeógrafo Domingo Fontán é fascinante. Hai case 200 anos dedicouse á elaboración do Mapa Cartográfico de Galicia, un proxecto ao que dedicou 17 anos da súa vida. En 1817 iniciou a súa travesía por toda Galicia, anotando cada montaña, río, ponte ou igrexa nun territorio de máis de 29.000 km², sen deixar ningún metro sen percorrer, rexistrar ou medir. Este foi o primeiro mapa realizado con rigor científico en España.

Para coñecer a súa apaixonante vida e traxectoria, proxectarase o documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia, que amosa distintos aspectos pouco coñecidos deste sabio, matemático, científico, político e filósofo, soterrado no Panteón dos Galegos Ilustres.

No evento contaremos coa presenza de tres expertos que comentarán a figura e obra de Fontán:

  • Elena Vázquez, catedrática de Matemáticas da USC

  • Alberto Fortes, autor de A viaxe xeométrica de Domingo Fontán

  • Francisco Alberto Varela, profesor do Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía da Universidade da Coruña

Descubre a historia dun dos galegos máis brillantes e a súa contribución fundamental á cartografía e á ciencia en España. Ademais, as persoas serán agasalladas cunha reprodución do Mapa Cartográfico de Galicia de Domingo Fontán.

 
Letras & Pensamento