Axudas REGA 2025 | Proxectos seleccionados

As residencias artísticas da cuarta convocatoria das Axudas REGA comezan este mes de setembro con seis proxectos de artes escénicas, música, arte dixital, artes visuais e deseño que estarán a traballar ata novembro tirando proveito dos espazos, recursos técnicos e humanos do Gaiás, así como do acompañamento de mentoras e mentores expertos. O resultado da súa estadía darase a coñecer de maneira pública e poderá chegar a formar parte da programación da Cidade da Cultura. Velaquí as propostas seleccionadas:

Benvida proxectos REGA 2025

AZULEXERÍA

A idea principal de Azulexería é a investigación de cara á creación dunha serie de murais cerámicos a partir da repetición de diferentes formas modulares: un muro de azulexería volumétrica. Para a súa fabricación, a artista e ceramista Loaira Pérez inspírase na natureza, a casa, o xogo e elementos da etnografía e memoria popular galegas. O proxecto experimenta no campo expandido entre o que se considera grande arte e as artes aplicadas, entre a arte culta e a arte popular, a pintura e a cerámica.

Cunha traxectoria consolidada como ceramista a través do seu estudo Raposiñas, Loaira Pérez (A Pobra do Caramiñal, A Coruña) busca aproveitar a residencia no Gaiás para realizar un traballo máis libre e creativo, sen obxectivos comerciais nin prazos impostos. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, o interese de Loaira Pérez polo material e os procesos levouna a cursar o Máster en Cerámica: Arte e Función na Universidad del País Vasco antes de iniciar o seu proxecto profesional en Raposiñas. En 2020 especializouse en técnicas de matricería e procesos industriais aplicados á cerámica en Caldas da Rainha grazas a unha bolsa Eloy Gesto e completou a súa formación con cursos de investigación en vidrados con materias primas naturais e técnicas gráficas.

DESDE A FONTE DO POBO ATA UN PISO NO TERCEIRO NIVEL

Desde a fonte do pobo ata un piso no terceiro nivel é un proxecto de investigación teórico-práctica ao redor das relacións que se construíron entre Galicia e o Reino Unido a principios do século XX a partir da cal Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) dará forma a unha instalación artística na que convivirán documentos e obxectos que revelen as conexións afectivas, formais e simbólicas entre épocas, xeografías e prácticas visuais aparentemente dispares.

A investigación traballará sobre a documentación relacionada coa Booth Line, navieira británica que operou en Galicia a comezos do século pasado; sobre textos e fotografías de escritoras de viaxes como Rachel Challice, Annette M. B. Meaking e Catherine Gasquoine Hartley, que definiron a imaxe de Galicia no imaxinario británico da época, e obxectos cerámicos nos que se recoñezan a influencia estética e material da porcelana inglesa na cerámica galega, por exemplo da Real Fábrica de Sargadelos. Durante a súa residencia Mar Ramón Soriano tirará proveito dos fondos dispoñibles na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura para a súa pescuda.

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou os seus estudos de Grao e Máster, Mar Ramón Soriano conta cunha interesante traxectoria como artista plástica e visual. Participou no V Encontro de Artistas Novo da Cidade da Cultura así como en diversas residencias artísticas tanto en Galicia como en Córdoba, Portugal, Valencia, Alicante e Nova York, entre outras. Ten realizado numerosas exposicións tanto individuais como colectivas en galerías privadas, centros culturais e museos, ademais de recibir o Premio Auditorio de Galicia para novos artistas, o premio Novos Valores do Museo de Pontevedra (2020), o Premio INJUVE para la creación joven (2017) e o primeiro premio Xuventude Crea 2020 na modalidade de artes plásticas.

CIDADE SONORA

Cidade sonora. Unha proposta de arquitectura somática busca crear un arquivo sonoro e visual que permita analizar e experimentar de forma alternativa o espazo arquitectónico do Gaiás. A partir deste arquivo desenvolverase unha peza musical de carácter experimental, que combinará rexistros de vídeo e audio. O traballo de documentación empregará diferentes técnicas e materiais para captar o son da maneira máis minuciosa posible sen intervención activa dos artistas. O rexistro de vídeo será realizado polo fotógrafo e realizador Iván Nespereira cun marcado carácter obxectivo e descritivo, afastándose dos canons da fotografía de arquitectura para buscar unha forma de representación que dea importancia ás materias primas e suxeitos da cidade sonora.

Andrés Rodrigues (Bual, Asturias. 1991) é un Artista, investigador, músico e performer especializado en antropoloxía do corpo e na exploración do sonoro desde unha radicalidade analítica non hexemónica. Como músico, forma parte de proxectos escénicos (A Exclusión de Niño de Elche), de reinterpretación da música tradicional do Eo-Navia (cos grupos Caldo e Os Rabizos) e da sonoridade da gaita xunto a sintetizadores analóxicos (Ultramonte de Pablo Und Destruktion), e antropoloxía experimental (Mudar a pel, primeira residencia artística INCIPT-CSIC na Cidade da Cultura), entre outros. Con Iván Nespereira desenvolve a peza de arte sonora e visual INCRA, unha performance que presenta a través das semióticas da imaxe e o son no traballo do ferro na forxa. Como investigador desenvolve o seu labor entre a Universidad de Oviedo e as universidades francesas Sorbonne Nouvelle, a Sorbonne Université e a Cergy-Paris Université.

CEREBRAL 4.0

Cerebral 4.0 é unha proposta de residencia artística centrada na evolución dun proxecto pioneiro na intersección entre neurotecnoloxía, arte sonora e creación audiovisual realizado polo enxeñeiro de son e artista multimedia Alberto Castaño (A Coruña, 1983). O seu obxectivo é desenvolver o control consciente de instrumentos musicais virtuais mediante ondas cerebrais, explorando novas formas de expresión e de interconexión mente/máquina.

O proxecto parte da súa investigación sobre o emprego de dispositivos EEG (electroencefalografía) para controlar e manexar o software de creación sonora, co que realizou en 2021 a primeira estrea en España dun espectáculo audiovisual xerado por ondas cerebrais. Coa residencia na Cidade da Cultura, Alberto Castaño busca dar un salto cualitativo, perfeccionando o control consciente dos parámetros sonoros e visuais a través dun novo dispositivo EEG para crear unha nova obra escénica de longa duración. A residencia permitirá tamén investigar e integrar unha linguaxe visual reactiva en tempo real, ampliando a experiencia inmersiva para o público.

Ademais do seu traballo musical baixo o alter ego Athal-Berath, Alberto Castaño ten realizado un extenso labor como videocreador para bandas galegas e estatais, así como o acompañamento da obra videopoética da súa irmá, a poeta e escritora Yolanda Castaño. Foi copropietario durante dez anos do estudo de música, postprodución e dobraxe ZENAudioPro e leva máis de 15 á fronte da axencia e produtora de vídeo AxenciaG.com. Na súa faceta musical estivo implicado en decenas de proxectos desde os seus inicios nos anos 90. O seu alter ego, "Athal-Berath", mantivo sempre unha ligazón coa escena metal e a electrónica tanto a nivel estatal coma internacional. Coñecido tamén polo seu labor como promotor de concertos e eventos como o Mareira Fest e o Fanzine Fest.

ABURRIMENTO

Aburrimento: arquitecturas para o xogo escénico é unha residencia de investigación que busca construír, experimentar e repensar espazos escénicos interactivos activados polos corpos, o movemento, os obxectos e a tecnoloxía. A proposta abre unha vía de exploración compartida entre arte e a educación a partir do universo escénico da peza de danza Abúrrome, unha creación en proceso da compañía martaalonsotejada pensada para teatros e dirixida ao público infantil.

Marta Alonso Tejada (Ourense, 1983) e o seu equipo traballarán na creación dunha acción escénica expandida que funcionará ao tempo como instalación viva, laboratorio artístico e experiencia de mediación con nenas e nenos acompañados de persoas adultas. No laboratorio investigarase a construción e activación de espazos efémeros a partir de cordas, tecidos, poleas, sensores e mecanismos de condutividade que serán logo postos a proba polo público (familiar ou escolar) en varias sesións de xogo libre e guiado con obxectos luz e son. Ademais, o equipo artístico propón un encontro con estudantes do grao en Mestre/a de Educación Infantil e Primaria da USC para xerar un discurso compartido de experimentación e análise dos espazos escénicos desde unha perspectiva pedagóxica que complemente o traballo realizado no laboratorio.

Titulada en ballet clásico pola Royal Academy of Dance (Londres), máster en Artes Escénicas da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e licenciada en Psicoloxía pola UAM e a USC, o traballo de Marta Alonso Tejada enfócase na creación escénica participativa, a mediación con públicos e a relación corpo-contorna. De 2010 a 2022 creou e dirixiu o Festival corpo(a)terra (Ourense) e actualmente dirixe o festival de danza e artes do movemento Abanea. No equipo de Aburrimento intégranse tamén o escenógrafo e artista visual Juan Rodríguez Bas, a deseñadora de escenografía e iluminación Laura Iturralde, a bailarina María de Vicente e a investigadora e profesora da USC Cristina Varela Portela.

DREAM ON

Dream On é un proxecto escénico que cuestiona a singuralidade do momento presente e convida a deixar atrás o pasado coa mirada posta na esperanza do futuro. Concibida como un drama contemporáneao en forma de monólogo e cunha forte proposta audiovisual, a ópera prima de Antuán Rivas (Santiago de Compostela) confronta a realidade actual da que se fan eco os medios de comunicación e as redes sociais: o reaccionarismo, o refuxio na nostalxia, o xurdimento de líderes aparentemente mesiánicos, a proliferación das novas falsas, a ameaza da intelixencia artificial... e a percepción xeneralizada de que a civilización humana alcanzou a finais do século XX o seu pináculo e só vivimos os estertores dun mundo que remata.

A idea inspírase nas teorías sobre o mito de Joseph Cambell, que sostén que xa todo está contado e o único que facemos é asistir unha e outra vez á mesma historia, defendendo o poder dos soños como contedores das potencialidades do ser humano.

Actor de dobraxe profesional en galego e castelán, Antuán Rivas vén de rematar os seus estudos teatrais na escola Espazo Aberto. Ten experiencia no teatro amador e tamén como vocalista e letrista. Conta, ademais, con estudos de canto moderno, unha licenciatura en Dereito e un ciclo medio en informática, así como con experiencia profesional no traballo de xestión de redes sociais e soporte técnico multiplataforma. Acompáñano neste proxecto Raquel Gomes (apoio na dirección escénica e na escrita; supervisión da escenografía); Ruth Pazo (locución e supervisión da música; colaboración no aspecto psicosocial do texto) e o dúo Arden Lux (composición da música; colaboración no apartado técnico audiovisual).

 
Letras & Pensamento