O noso baile e música de raíz volven ateigar a Cidade da Cultura no Serán'04. Entre o 20 e o 22 de xuño de 2025, ata un milleiro de intérpretes reuniranse no Gaiás neste IV Encontro Galego de Cultura Popular que, na súa primeira xornada, venres 20 de xuño, acolle un gran festival folk para xuntar sobre o escenario a algúns dos nomes máis destacados do tradi actual: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Xosé Lois Romero & Aliboria, Tres Pesos, xunto a Os Enxebres de San Lázaro, ao cargo dos interludios.
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Un dos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, que estará acompañado das súas inseparables Adufeiras de Salitre coas que recibiu o Premio da Música Independente (MIN), o Premio Martín Códax da Música e o Premio á Mellor canción en galego da primeira edición dos galardóns aRitmar. Esta actuación subirá 15 intérpretes enriba do escenario para nun poderoso directo no que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre revisarán o seu repertorio conxunto
Tres pesos
Felisa Segade, Xoan Porto e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo) son Tres Pesos. Tres xeitos de facer, tres adictos á nosa música, tres caras da mesma moeda. Un proxecto, un soño. Tres músicos, tres voces e tres vidas vinculadas a ducias de proxectos culturais; Malveiras, Colexiata, Pradairo, Limagoia, A Ponte Vella, Ker-cuez, Estivada de Calo, Arreixeira, Leilía, Liceo de Noia, Brincadeira,... centos de horas sobre o escenario e miles fóra del soñando coa nosa música, coa nosa tradición.
Xosé Lois Romero & Aliboria
O bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical. Este combo galego que dirixe o prestixioso multiinstrumentista Xosé Lois Romero achéganos un xeito absolutamente salvaxe de acometer a música tradicional galega, cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. Un proxecto que, no seu debut en 2017, se converteu nun dos máximos renovadores da música de raíz ibérica.
De Ninghures
De Ninghures forman un bodegón que bebe de músicas diversas. Enraizados na tradición galega, a súa é unha mirada global que busca inspiración no rock saharaui, as músicas do Magreb e ata as melodías cubanas. Eclecticismo que fai soar tanto a pandeireta coma o ukelele, poñendo en valor o propio, o amor pola música e a experimentación. Aquí foi o álbum co que se deron a coñecer en 2022, e Morena o tema que lles valeu o premio aRi[t]mar á mellor canción galega do 2023.

