Canta compañeira canta | Concerto de Felisa Segade e Merchi Rodríguez polo Día das Letras Galegas 2025

"Canta compañeira canta canta compañeira canta que a min sempre me gustou oíla túa garganta"

A Biblioteca de Galicia acolle a estrea de Canta compañeira canta, un proxecto musical no que Felisa Segade e Merchi Rodríguez aluden ás remudas, que non é máis que ese cambio de parellas para facer a música nas festas de pandeireta, nas que as mulleres son as encargadas de tocar e cantar para que outros bailen. Unha reminiscencia ao binomio representado por Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas das cantareiras ás que se lle dedican as Letras Galegas 2025.


Felisa Segade e Merchi Rodríguez foron compañeiras do grupo Leilía, pioneiro na reivindicación das mulleres no folclore galego, que recuperaron ao longo dos anos o son de pandeiretas e voces da tradición oral galega.