O sábado 7 de xuño volven a Holi Gaiás e a Peque Holi para encher a Cidade da Cultura de cor e darlle á primavera a despedida que se merece a través dun evento lúdico, deportivo e para todos os públicos. A sétima edición desta carreira festiva xa está en marcha para gozar dun sábado de xuño de diversión en familia ou con amizades e enzoufarse na súa tradicional poeira de cores durante o percorrido e no fin de festa.
A actividade está pensada como opción para a práctica saudable e para pasar un tempo agradable cheo de diversión nun espazo tan vistoso e singular como é o Monte Gaiás.
Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Gadis e Coca-Cola, a Holi Gaiás trae á Cidade da Cultura o seu espírito festeiro e nada competitivo, no que o importante non é gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India.Este ano, como novidade, doarase un euro de cada inscrición á Fundación Andrea, que traballa con nenos e nenas con enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais. As persoas que non participen na carreira pero queiran colaborar poderán facerse co Dorsal 0, cuxos fondos irán integramente destinados a esta fundación.

CATEGORÍAS E PERCORRIDO
A Holi Gaiás, para persoas a partir dos 10 anos, ten un percorrido de 5 km e tomará a saída ás 12.00 h. Neste traxecto participan conxuntamente a categoría infantil (anos de nacemento: do 2010 ao 2015) e adulta (anos de nacemento: 2009 e anteriores). Así, os premios tamén se dividen desta maneira:
- 3 primeiros clasificados na categoría infantil masculina
- 3 primeiras clasificadas na categoría infantil feminina
- 3 primeiros clasificados na categoría adulta masculina
- 3 primeiras clasificadas na categoría adulta feminina


