Escenas do cambio aposta este ano máis ca nunca por transcender os límites físicos de territorios e escenarios para a creación escénica de vangarda. Do 8 ao 11 de maio, o festival convoca na Cidade da Cultura e o Salón Teatro a artistas procedentes de oito países (España, Alemaña, Australia, Bélxica, Corea do Sur, Cuba, Portugal e Suíza) para dar forma a unha programación composta por 15 espectáculos que hibridan danza, teatro, música e artes vivas.
Baixo o título Lostopía, a directora artística do festival, Kirenia Martínez Acosta, deseñou un programa que convida a mergullarse no presente expandido no que habitan as sociedades contemporáneas, entre a nostalxia polo perdido e a busca de novas identidades, entre a resistencia ao cambio e a vontade de transformación, onde as artes dilúen todas as fronteiras e permiten imaxinar futuros posibles.
Escenas do cambio 2025 contará con 5 estreas absolutas: a espectacular Baunsbak, que trae a galega Elvi Balboa desde Cataluña; Fuga para o tempo presente, do dúo de investigación en danza portugués Nuisis Zobop; o atípico concerto de La María, o la espeluznante seducción de una canción de amor, que propón suíza de raíces mexicanas Raissa Avilés; O intanxible e o non mundo, proposta musical única de Mercedes Peón que só se poderá gozar en liña a través das pantallas, e Velaiquich, Amoorch!, última creación para espazos non convencionais do novísimo colectivo de danzas urbanas D'elas. Tamén o festival será o lugar no que medrará en residencia artística e se mostrará por primeira vez ao público o novo traballo de VACAburra, Familia Nijinska.
Ademais, o programa inclúe a estrea en España de dous espectáculos internacionais: Exposure, colaboración internacional entre a veterana compañía Danza Contemporánea de Cuba e o Urban Arts Ensemble Rurh (Alemaña) co son en directo do prestixioso compositor e músico de cinema australiano Ben Frost; e o poético solo de danza Worn Out, do grupo surcoreano Chumpan Yamoo.
O festival trae a Galicia tamén as dúas partes do tríptico co que o artista canario Reinaldo Ribeiro reflexiona sobre a representación das persoas racializadas na arte e na historia (Black Through Red e I'm not an influencer); as instalacións sonoras So de Cop, de Arnau Obiols e Ruido, de Ça marche; os tres actos que compoñen Solala, da bailarina Amalia Fernández; a provocativa obra de teatro físico I'm not a hero, da compañía suíza Fluctus e a performance musical Roland Mon Amour, que Cris Balboa (a través da súa compañía Funboa Escénica) creou en co-produción co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego.
Podes consultar o programa ao detalle en escenasdocambio.org ou facendo clic na imaxe.
Como fío que atravesa todo o festival, o Comando dramatúrxico volverá activar unha serie de accións orientadas a tender pontes entre espectáculos e públicos, incluso con aquelas persoas que non poidan estar presentes e coas xeracións do futuro. Coordinado unha vez máis polo profesor, dramaturgo e escritor Afonso Becerra, o grupo organizará un encontro no que ofrecerá algunhas chaves da súa aventura dramatúrxica.
O festival, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego e o Goethe Institute.



