A presenza de Rosalía no territorio é intensa e global: os seus poemas están impregnados e influenciados polas paisaxes galegas e doutras partes do mundo, especialmente alí onde a emigración e a diáspora levou ás nosas xentes. De feito, Rosalía tamén foi unha poeta cósmica que mirou ao espazo e o reflectiu na súa literatura. Por iso, desde 2019 unha estrela da constelación do Serpentario leva o seu nome, acompañada dun planeta: Río Sar.
Con motivo do Día de Rosalía, a Biblioteca de Galicia organiza a actividade Conversa arredor de Rosalía e a natureza: das beiras do Sar á constelación do Serpentario que da man de María do Cebreiro, codirectora da Cátedra Rosalía de Castro, e María López Sande, membro da RAG e estudosa da autora, resultará nun percorrido a través do que afondar na pegada natural da obra de Rosalía.
Na actualidade, o auxe da ecocrítica —campo do saber que procura o diálogo entre a literatura e o medioambiente— revaloriza unha vez más a figura inmensa de Rosalía. Cos seus poemas, Rosalía trouxo un novo xeito de ollar a natureza e, agora, ollando á natureza atopámola a ela alí, prendida.
A actividade contará tamén cunha merenda para as persoas participantes.
