A Xunta de Galicia lanza unha audioguía para dispositivos móbiles destinada a facer máis accesible a visita ás exposicións do Museo Gaiás, tamén para as persoas con dificultade auditiva, ao incorporar explicacións en lingua de signos. Esta app está dispoñible polo momento para a mostra Unha vida viquinga e inclúe tamén audio e texto en tres idiomas.
A aplicación aproveita a funcionalidade de xeolocalización dos dispositivos móbiles determinando en que punto da sala está a persoa visitante. En función disto, amosa información sobre algunhas das pezas arqueolóxicas que se exhiben, ou dos puntos de interese máis próximos, para poder gozar dunha visita máis completa a esta mostra que suma xa no Gaiás preto de 35.000 visitas desde a súa apertura en xullo.
Xa está dispoñible a través do repositorio web de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia, e das principais plataformas de descarga de aplicacións, Google Play para dispositivos Android, e App Store para dispositivos iOs.
Unha cultura máis inclusiva e accesible
O desenvolvemento desta aplicación encádrase dentro das medidas promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para traballar por unha cultura máis inclusiva e accesible en Galicia. Nesta liña, na Cidade da Cultura estanse a promover iniciativas como o emprego de mochilas con vibración que permiten mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva, que se utilizaron xa de xeito piloto no concerto central do Día da Música no Gaiás, ou a realización, en datas puntuais, de visitas guiadas ás exposicións na modalidade de lingua de signos.
Tamén o proxecto do Galiverso dos Museos incorpora, para aquelas persoas con dificultades de visión e auditivas, tecnoloxías e dispositivos que lles permiten acceder á experiencia dunha maneira adaptada. Neste sentido, a sala inclúe unha zona táctil na que poder ver coas mans réplicas impresas en 3D de catro dos obxectos pertencentes aos museos e que foron recreadas tamén na experiencia virtual. Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica ás usuarias e usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén existen auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultade auditiva poidan escoitar as instrucións.
Programa de visitas a ‘Unha vida viquinga’
Inaugurada o 12 de xullo e comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos, Irene García Losquiño, Unha vida viquinga é unha das maiores mostras realizadas en España sobre esta cultura, unha proposta desenvolvida en colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.
O relato da mostra artéllase ao redor dos períodos vitais dunha persoa durante a Era Viquinga e inclúe pezas históricas e arqueolóxicas únicas, moitas delas nunca antes exhibidas en España.
Ata a súa clausura o vindeiro 5 de xaneiro de 2025, o Museo Centro Gaiás está a desenvolver tamén un amplo programa de visitas guiadas á mostra, tanto na modalidade de visita regular (dispoñible de martes a domingo en varias quendas horarias), como na de visitas didácticas, destinadas principalmente á comunidade educativa, pero tamén a diferentes colectivos que se achegan a coñecer a exposición. Na web da cidadedacultura.gal pode reservarse praza, de balde, neste programa de visitas.
