Programa Cidade Imaxinaria 2024

Personaxes fantásticas, acrobacias aéreas, maxia, xogos tradicionais, cadeiras que se converten nunha incrible orquestra, zonas de realidade mixta e espazos sensoriais para bebés! Todo isto é o que poderás atopar na Cidade Imaxinaria o vindeiro sábado 7 de setembro. Unha xornada para gozar no Gaiás e celebrar a volta das vacacións por todo o alto. Con entrada libre e de balde, haberá tres espectáculos de pista con escenario fixo e distintos pases, tres actuacións itinerantes que percorrerán a Cidade da Cultura e sete zonas de xogo e actividades. 

ESPECTÁCULOS DE PISTA

ARTILUSIO (Markeliñe – País Vasco) – Teatro de rúa

Unha gran máquina de aparencia fantástica da que descoñecemos a súa utilidade. Podemos percibir que o estraño artefacto funciona ao ritmo dun corazón e tamén que se alimenta de libros. Xunto á ela está Greta.O artefacto é, para ela, coma un gran xoguete co que recrear as súas fantasías e historias.

VER VÍDEO

 

TRANSIR (Rojo Telón - País Vasco) – Circo, acrobacias aéreas

Un xogo sobre a transición e o cambio, a vida e a morte. Cunha posta en escena lixeira e en ton de humor, este espectáculo circense fainos reflexionar sobre a necesidade de aceptar a nosa condición humana para poder pensar no presente; no que somos, o que sentimos e o que queremos. 

VER VÍDEO

 

HERENCIA (La Industria Teatrera - Cataluña) – Clown

Un espectáculo en clave de clown sobre o mundo que deixamos. Dous personaxes dentro dun vertedoiro, unha viaxe tenra e divertida para transformar a nosa herdanza. E ti, que herdanza queres deixar? Unha proposta que invita a reflexionar sobre o mundo que vivimos e o que queremos deixar. 

VER VÍDEO

ESPECTÁCULOS ITINERANTES

GO GO & STAY STAY (Mimo's Dixie Band – Portugal) – Música, animación de rúa

Un espectáculo itinerante de animación que leva por banda sonora o ritmo contaxioso do dixieland, un estilo de jazz con predominancia dos instrumentos de vento metal e da improvisación. Tamén poderemos atopar momentos teatrais, de artes circenses e unha gran interacción co público. 

VER VÍDEO

 

REAL BANDA DAS CADEIRAS ENCARTABLES (Bufa & Sons - Galicia) – Música

Calquera obxecto se pode converter nun instrumento marabilloso. A Real Banda das Cadeiras Encartables son un gran grupo de intérpretes que, cunha cadeira ao lombo, fan soar a mellor das músicas. 

 


AUKERA (Bambolea Producciones - Madrid) – Animación de rúa

Espectáculo itinerante visual sobre reciclaxe, reutilización e fantasía reunidos, coa auga como elemento principal. Personaxes fantásticos vestidos con latas, libros e outros elementos reciclados, pasean o seu paraugas máxico e reparten sorrisos e pompas de xabón. Unha proposta que nos invita a reflexionar sobre a reciclaxe.

 

XOGOS E ACTIVIDADES

ESPAZO SENSORIAL PARA BEBÉS (Risotadas - Galicia)

Espazo para a exploración da cativada de 0 a 3 anos a través das cores, o son e as texturas.  

ESCOLIÑA DE CIRCO (Pistacatro-Galicia)

Aproximámonos ao circo de primeira man cunha escoliña para indagar nas habilidades circenses da cativada en familia.

OVO (Wetumtum - Portugal)

Instalación de exploración dos sentidos para bebés, dende os 3 meses ata os 3 anos, a través do son, a luz e a cor. 

CIRCUS FEIRA (Bambolea Producciones-Madrid)

Homenaxe ás antigas feiras que viaxaban polos pobos entretendo á xente con distintos xogos

STEAMPINBALL (Holoqué-Cataluña)

Instalación participativa de realidade mixta na que se mesturan as artes escénicas, a artesanía e a tecnoloxía inmersiva.

XOGOS TRADICIONAIS (Miudiño-Galicia)

Xogos tradicionais infantís onde atoparemos entretementos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios, construcións…

ÁREA MÁXICA (Pedro Volta - Galicia)

Unha mestura de maxia e tecnoloxía cunha habitación de Ames e unha cabina de hologramas.

MURAL COLABORATIVO ANTIPOLUCIÓN

Un obradoiro para realizar un mural de temática medioambiental con pinturas que depuran o aire.

 

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas