O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu na sede de Afundación en Santiago, xunto co director xerente desta entidade, Pedro Otero, e o reitor da universidade compostelá, Antonio López, unha das pezas máis valiosas do patrimonio bibliográfico galego: o Libro de horas de Fernando I, datado en 1055.
Con toda probabilidade trátase, segundo os especialistas, do libro máis antigo que se conserva en Galicia e formará parte da exposición Santiago de Compostela no tempo, que se abre ao público mañá venres á tarde.
A súa exhibición resulta excepcional xa que esta peza sae por primeira vez en máis de 20 anos da Biblioteca América da Universidade de Santiago, no Colexio de Fonseca, onde se conserva nunha cámara acoirazada para garantir a súa seguridade. Santiago de Compostela no tempo será, polo tanto, unha oportunidade para apreciar esta xoia anterior ao Códice Calixtino.
A directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal, e o comisario da exposición, Manuel Gago, explican que a última vez que se puido contemplar foi nunha exposición organizada polas bibliotecas universitarias españolas no 2000 no propio recinto do Pazo de Fonseca.
Por motivos de conservación, a súa estancia na exposición limitarse a un mes, período tras o que será substituído por un facsímile ata o remate da mesma en setembro.
Agasallo da raíña Sancha
O Libro de horas de Fernando I foi un encargo da raíña Sancha a modo de agasallo para o seu marido, Fernando I de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia.
O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, destacando unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.
Santiago de Compostela no tempo
Santiago de Compostela no tempo é a primeira das sete mostras dun amplo proxecto expositivo, Cidades no tempo, que afondará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas.
Este venres inaugúrase a exposición na sede de Afundación, na rúa do Vilar, onde poderá ser visitada ata setembro, sendo unha experiencia única para facer un percorrido pola cidade a través de documentos históricos, fotografías, ilustracións e obxectos de alta cultura e gran valor que acompañan ao Libro de horas de Fernando I.
