Medalla de Ouro de Galicia para a Fundación Penzol

Santiago de Compostela, 20 de Novembro de 2013

O presidente do Goberno galego, referiuse á Fundación Penzol como gardiá do espírito colectivo e destacou o seu labor para recuperalo e convertelo na memoria e no futuro de Galicia. “Premiamos pois a unha Fundación que desde hai medio século soubo manter o espírito colectivo. É certo que ese espírito xa existía nos galegos, pero velaí o seu traballo para recuperalo e convertelo na memoria e no futuro de Galicia”, afirmou, durante o acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia a esta organización celebrado na Cidade da Cultura de Galicia.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou que con este recoñecemento, Galicia dille a todos os que fixeron e fan a Fundación Penzol que cada libro, cada estudo, contribúe a enriquecer un pouco máis o sentimento galeguista. “Cada nova achega súa fainos ver unha galeguidade inesgotable que abarca todos os campos e todas as épocas”, subliñou, logo de referirse a ela como unha proba de que o noso país ten forza dabondo para erguer realidades que desafían ao tempo e a calquera dificultade.

“Cando no 1963 foi creada a Fundación Penzol non corrían bos tempos para a nosa identidade. Tampouco era fácil daquela atopar luz naquela Negra Sombra. Os galegos eran depositarios dun tesouro que se quería manter silenciado. Faltaba, por iso, quen o recollese, lle desevoz e o enriquecese. Fixérono Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro, entre outros, nun primeiro momento; e o seu testemuño foi recollido sempre por outros galeguistas ata chegar ao seu Padroado actual, con Alfonso Zulueta de Haz á cabeza”, lembrou.

Ao mimo e dedicación co que teñen cultivado distintas facetas da nosa cultura únese, segundo afirmou o presidente autonómico, o seu entusiasmo por ver nela unha realidade plena de vitalidade, en lugar de algo artificioso e sen vida.

“O traballo da Fundación Penzol demostra que Galicia é unha identidade en movemento, que non pertence a ningunha teoría concreta e atravesa distintos momentos ao longo da súa historia. Pon de manifesto que a cultura galega está predisposta a unha visión polifacética da vida, e que alí onde ten calado realmente o espírito galeguista é onde os exclusivismos non puideron botar raíces. Non me refiro unicamente á busca de relación entre a nosa cultura e outras culturas do mundo. Refírome, sobre todo, a ese labor que dura xa 50 anos, a través do cal o estudo da lingua e da literatura galegas se fai como unha tarefa común, como tantas veces pediron os galeguistas”, aseverou.

Feijóo concluíu avogando por que esa forza se manteña vida máis que nunca, e lembrou que grazas ao traballo da fundación, “Galicia recupera a liberdade tendo referencias, sabendo o que é e o que foi”.