Finsa dona material con fins museográficos para 'Auga Doce'

Santiago de Compostela, 25 de Febreiro de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou co director xeral da Financiera Maderera S.A. (FINSA), José Carballo García, un acordo de colaboración para a doazón de material con fins museográficos para a exposición Auga Doce que se inaugurará o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás.

A Fundación Cidade da Cultura precisa soportes e estruturas polivalentes para as diferentes exposicións que se organizan na Museo Centro Gaiás, e a empresa Finsa doará este material que será de gran utilidade para a montaxe da mostra Auga Doce. Estas estruturas inclúen un sistema de paneis para poder colgar obra pictórica, gráfica ou fotográfica nas paredes. Asemade, a súa natureza implica a necesidade de dotar de superficies capaces de recibir peso e que poidan montarse e desmontarse con certa axilidade. 

A gran flexibilidade deste sistema garante un deseño equilibrado do espazo, ata en condicións arquitectónicas difíciles e cun manexo manual de axuste fácil e seguro, sen ter que intervir na arquitectura do espazo. Este feito supón unha gran vantaxe en espazos con valor histórico ou arquitectónico, como é precisamente o Museo Centro Gaiás, respectando o contedor e evitando, na medida do posible, danos ao proxecto arquitectónico. Estes materiais doados pasarán a formar parte dos fondos da fundación para poder ser utilizados noutras mostras. 

Auga Doce será a nova gran exposición da Cidade da Cultura de Galicia, unha mostra que chegará este ano ao Museo Centro Gaiás e que xirará arredor dos recursos de Galicia en auga doce. Ao acto de sinatura do convenio tamén asistiu a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.