Manuel Guede

Manuel Guede Oliva, Director do Centro Dramático Galego. Regresado do Institut del Teatre de Barcelona en 1982, fundou nese mesmo ano a Cooperativa de Teatro Caritel en Ourense, compañía coa que desenvolveu unha longa traxectoria teatral.

Poeta, novelista, autor teatral, na súa obra literaria figuran títulos como Contra Serenou, Vísperas de Claudia, As doce e sereno, O nome dos disfraces, Ocaso Otero (Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, 2006), A función do Tequila (Premio Rafael Dieste, 2011).

Como dramaturgo foi responsable de versionar ao galego obras de autores como Shakespeare, Camus, Eurípides, Aristófanes, Snitzler, Kovacevic, Dürrenmatt, Ibsen…

Ao longo de máis de trinta anos de actividade profesional asinou a dirección de producións teatrais para compañías como Auriense, Caritel, Centro Dramático de Viana do Castelo, Companhia de Teatro de Braga... Dirixiu para o Centro Dramático Nacional no ano 2002 a adaptación ao castelán da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Pertenceu ao Consejo Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura no período de 2001-2004.