E da natureza ao fogar. Da árbore á cadeira conta cunha segunda parte centrada na madeira como produto, como elemento imprescindible para entender, tamén, a nosa creatividade.
A exposición toma a cadeira como excusa para centrar a nosa atención no deseño do moble contemporáneo, con tres nomes á cabeza: Xosé Bar Bóo, os irmáns Alejandro e Jesús De la Sota e Isaac Díaz Pardo, os primeiros que atoparon no moble un aspecto fundamental do seu traballo. A abstracción e rigor da forma de Alejandro de la Sota resultan imprescindibles na historia do moble contemporáneo en Galicia, con deseños que nacen para o mundo das ideas. O deseño encamiñado ao mundo do traballo é a peza clave das obras de Isaac Díaz Pardo. Desde o Laboratorio de Formas e Sagardelos, buscouse un equilibrio entre a sucinta forma construtiva e a súa visión socialista e cooperativa do traballo trasladándoo ao mundo moble para o uso das súas fábricas e espazos comerciais. E no medio destes exemplos case opostos queda espazo para o deseño do moble que sucede no lugar imaxinario do pensamento dos arquitectos e aquí é onde destacan as propostas de Xosé Bar Bóo, con mobles domésticos e comerciais que buscan enriquecer e apoiar a súa propia arquitectura
Xunto a eles, prestixiosos arquitectos e deseñadores galegos contemporáneos, cunha selección de más de trinta pezas de nomes como Manuel Gallego, Jesús Irisarri, Noguerol e Díez, Iago Seara, Carlos Quintás, Tomás Alonso, Elías Cueto, Iñaki Leite ou Cenlitrosmetrocadrado. Da árbore á cadeira péchase cun recoñecemento aos artesáns e á tradición construtiva a través dos instrumentos de labor procedentes do Museo do Pobo Galego e do Museo do Moble da Estrada, pechando así o círculo vital da madeira, da conexión do home coa natureza, do territorio coa súa memoria.
Descubre todas as cadeiras da exposición no Taboleiro de Pinterest: