YAMsession 2018

A Cidade da Cultura acolle en outubro a YAMsession, un dos encontros internacionais máis importantes de música e educación. Especialmente dirixido a músicos, educadores, produtores ou programadores que traballen no sector musical con público infantil e xuvenil, YAMsession é un dos pilares do programa Young Audiences Music (YAM), creado pola organización Jeunesses Musicales International para promover o acceso da cativada e da mocidade de todo o mundo a experiencias musicais en vivo de alta calidade, ademais de fomentar a educación e o desenvolvemento da creatividade a través da música. O evento chega por primeira vez a España coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia como socios locais.

A YAMsession 2018 celébrase no Gaiás do 17 ao 19 de outubro. O programa inclúe actuacións dalgunhas das mellores producións internacionais para a cativada e a mocidade, un foro de produtores, charlas e paneis de debate coa presenza de expertos relatores internacionais. A Cidade da Cultura será tamén o escenario para a cerimonia de entrega dos YAMawards, galardóns nos que se premian as mellores producións musicais destinadas ao público infantil e xuvenil.

SHOWCASES
As Showcases da YAMsession traerán á Cidade da Cultura unha mostra das mellores producións musicais para público infantil e xuvenil que se están a facer hoxe en día en todo o mundo. Teatro, danza, luz e cor mestúranse coa música nestes concertos didácticos, dos que poderán gozar tanto os máis pequenos como os profesionais que participan nas xornadas. Tan só é necesario vir coas orellas ben abertas, a música é unha linguaxe universal.

Pepe&Speedy (Austria) | 17 OUT | 10:30-11:30*| 8-9 anos (3º e 4º Educación Primaria)

Guitarras, clarinetes, saxofóns e ata instrumentos caseiros son os protagonistas nesta divertida viaxe que serve para explorar os diferentes sons, ritmos e melodías. Un espectáculo que amosa o pracer de tocar e o uso creativo dos instrumentos nun intercambio musical interactivo co público.
*Esta actividade remata cun encontro artístico.

C’est Partir Mon Kiki (Francia) | 17 OUT | 12:00-13:00h | 6-7 anos (1º e 2º Educación Primaria)

O protagonista deste espectáculo explora os seus recordos de neno a través da música e dos xoguetes e da súa infancia. Son, luz e imaxes evocadoras que conseguen crear un universo musical engaiolante cargado de imaxinación.

Taama (Bélxica) | 18 OUT | 10:00-11:00h | 4-5 anos (2º e 3º Educación Infantil)

Os ritmos tradicionais africanos e a música clásica xuntos nunha emocionante viaxe cara ao descoñecido. No exilio, ela busca un remanso de paz onde reconstruír o seu niño, cargada cos instrumentos e cancións que lle lembran o seu país. El acompáñaa no camiño, como unha presenza agarimosa e cómplice.

The Fluteman Show (Alemaña/Hungría) | 18 OUT | 11:30-12:30h | 8-9 anos (3º e 4º Educación Primaria)

Música, poesía e comedia unidas nun espectáculo coa frauta como absoluta protagonista. Frautas de plástico, de metal, unha frauta eléctrica rockeira e a única frauta baixo de leopardo que existe no mundo cobran vida nas mans do "home-frauta", un home capaz de tocar calquera delas e incluso varias á vez.

Bach in the Street (Suecia) | 18 OUT | 15:00-16:00h | 12-13 anos (1º e 2º ESO)

Un espectáculo de fusión entre músicas e culturas. No escenario, o violín e a música de Bach dialogan co hip-hop e o baile urbano nunha actuación dinámica e vibrante. Os seus protagonistas representan tamén a fusión de culturas. Ambos nados en Suecia en familias de refuxiados, a súa actuación convida a reflexionar sobre o que signifca ter que fuxir do fogar, plantar raíces nun novo país e atopar o teu propio lugar no mundo.

*Balkan Paradise Orchestra (España) | 18 OUT | 21:30-23:00h |  +13 anos

A Balkan Paradise Orchestra promete facernos bailar. Formada por once instrumentistas de vento e percusión, o grupo transforma o xénero da comparsa combinando diferentes influencias coa súa paixón pola tradición da música balcánica. Un espectáculo cargado de enerxía que contaxia ao público a súa alegría e ganas de festa.

Tam Tam (Francia) | 19 OUT | 10:00-11:00h | 6-7 anos (1º e 2º Educación Primaria)

A historia dun home e dunha muller demasiado tímidos e torpes para sentirse cómodos coas palabras pero que descobren no ritmo, os sons e os xestos unha infinidade de formas de comunicarse. A voz, as mans, os pés e as copas son os instrumentos que lles permiten chegar desde o desacordo á harmonía perfecta... ou case!

YAMAWARDS
Durante a YAMsession na Cidade da Cultura daranse a coñecer os gañadores dos YAMawards 2018, premios internacionais que recoñecen a creatividade e a innovación no eido da produción musical para o público infantil e xuvenil. Optan a estes premios os mellores espectáculos en directo para audiencias de ata 18 anos de idade, sexan solistas, grupos, orquestras, etc. A cerimonia será o evento central na primeira xornada da YAMsession no Gaiás.

Seleccionados tanto pola calidade da música e interpretación como polo seu potencial internacional e comunicación coa audiencia, os YAMawards divídense en tres categorías: ‘Mellor conxunto de pequeno formato para novas audiencias’, ‘Mellor conxunto de gran formato para novas audiencias’ e ‘Mellor ópera para novas audiencias’. Ademais, entre todos os proxectos das tres modalidades outorgaranse tamén o Premio á Mellor Produción do Ano e o Premio do Público.

Un xurado, formado por profesionais internacionais da JM International e de RESEO (European Network for Opera & Dance Education), elixiu xa os nominados aos premios entre todas as candidaturas presentadas. Ademais, ata o 17 de outubro podes votar polos teus favoritos a través da web dos premios.

PRODUCERS FORUM
Concibido como un punto de encontro e aprendizaxe en común, o foro porá en contacto aos promotores da produción galega Como soan os nosos poemas, con produtores de diferentes países que realizarán unha mentoría do proxecto para contribuír a mellorala ben no aspecto técnico ou artístico ou na súa proxección internacional.

Como soan os nosos poemas é un proxecto que procura facer sentir ao público a íntima relación que existe entre a poesía galega e a música, escoitando primeiro a melodía da palabra recitada para atopala despois nas frases das composicións para clarinete e piano creadas para cada poema. Como soan os nosos poemas presentarase antes e despois de pasar pola mentoría, convidando igualmente á audiencia a achegar as súas opinións e impresións sobre o espectáculo. Os máis pequenos poderán gozar tamén deste concerto na xornada do venres 19 de outubro.

INSPIRATION SESSIONS
Músicos de alto nivel, expertos e académicos compartirán os seus coñecementos e experiencia a través de charlas inspiradoras. Falarase, entre outros temas, da percepción e a interacción coas audiencias, do financiamento europeo para producións musicais ou das novas formas de achegar a “música vella” ao público máis novo. Educadores, intérpretes e artistas, están chamados a sumarse tamén ao debate, engadindo puntos de vista novidosos cos que enriquecer os contidos da YAMsession.

O programa completo da YAMsession 2018 pode consultarse aquí.

A asistencia ás actividades da YAMsession require inscrición previa.

Os centros escolares que queiran participar co seu alumnado nos concertos didácticos da YAMsession poden inscribirse enviando un correo a visitasdidacticas@cidadedacultura.org. A participación é gratuíta para os centros, pero o aforo é limitado.

*O concerto da Balkan Paradise Orchestra o xoves 18 de outubro será aberto ao público, previa retirada de convite no Museo Centro Gaiás.