XI Encontro de Artistas Novos: #EAN11

A Cidade da Cultura de Galicia converterase por undécimo ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais.  Será no XI Encontro de Artistas Novos, #EAN11, que se celebrará do 22 ao 26 de agosto de 2021 na  Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor

O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. Cada un dos participantes do EAN11 realizará unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Ademais, como cada ano, o EAN traerá ao Gaiás a artistas e creadores cunha traxectoria reoñecible, como Marina Vargas, Eugenio Merino, Eva Díez e Abel Azcona para compartir as súas experiencias e reflexións ao redor da arte.

Relatores

Marina Vargas | Granada, 1980

Artista multidisciplinar que coa súa obra busca re-significar a iconografía da arte e da cultura visual, nunha chamada de atención sobre o poder das imaxes e sobre os patróns e canons dominantes na historia da Arte, propoñendo novas lecturas dos mesmos baixo unha óptica feminista.

https://www.marinavargas.com/

Eugenio Merino | Madrid, 1975

Autor de controvertidas obras como Aquí murió Picasso ou Always Franco, coas que aborda cuestións políticas, relixiosas e sociais coa ironía, o humor e a metáfora como ferramentas e traballando un abano de linguaxes desde o debuxo ou o audiovisual á escultura en materiais como bronce, silicona ou resina.

http://www.eugeniomerino.com/

Eva Díez | Vigo, 1982

O seu traballo podería cualificarse de fotopoético, pola clara intencionalidade lírica que desprenden as súas obras, nas que xoga coa simboloxía para abrir unha reflexión sobre a imaxe inmemorial do fogar como metáfora plástica do noso inconsciente.

https://evadiez.es/

Abel Azcona | Madrid, 1988  

A súa obra nace desde a performance e a arte de acción e evoluciona en instalación, escultura, vídeo, pintura ou escritura, materializándose en proxectos de contido autobiográfico, reivindicativo e político nos que converte o seu corpo en territorio para a experimentación e detonante do proceso creativo

https://abelazcona.art/

Como en anteriores edicións, o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González; e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico.

 

Como participar

XI Encontro de Artistas Novos conta cun total de corenta prazas ás que poden optar profesionais nados entre 1986 e 2003 –ambos inclusive–, estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns, ou que demostrasen unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada no V EAN, dez das 40 prazas dispoñibles están abertas a artistas maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que os demais candidatos. Con esta proposta, o EAN procurou formular un diálogo con artistas doutras xeracións nun proceso creativo aberto. 

A consecución dunha praza no EAN11 inclúe matrícula, estancia en réxime de pensión completa e transportes diarios desde Santiago ata a Cidade da Cultura. As persoas interesadas deben enviar a documentación requerida nas bases de participación ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org antes das 15:00 horas do venres 2 de xullo de 2021. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, debe tamén remitirse a: encontro@cidadedacultura.orgConsulta no apartado de descargas desta páxina as bases de participación e o boletín de inscrición.