V Residencia Literaria da Cidade da Cultura | REGA 2025

Tes un proxecto de narrativa, teatro ou poesía inédito e queres darlle un pulo? Ata o 4 de abril de 2025 está aberto o prazo de inscrición á V Residencia literaria da Cidade da Cultura, un espazo de aprendizaxes para escritoras e escritores emerxentes que queiran perfeccionar as obras a través da posta en común de experiencias e coñecementos, e co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.

A Residencia literaria da Cidade da Cultura facilita ás autoras e autores noveis, así mesmo, un coñecemento 360º do mundo do libro: dereitos de autoría, edición, distribución, sistema literario. Traballarase con distintos profesionais do sector desde como presentar unha obra a unha editorial, analizar contratos, a autoedición, a promoción e distribución dos libros. Faranse lecturas e debates arredor de textos propios e alleos e gozarase de experencias senlleiras coma roteiros literarios e maridaxes lectoras.

Non menos importante, a Residencia literaria axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: os libros e a lectura.

Dirixida polo escritora e xestora cultural, Eva Mejuto, participarán como convidadas nesta edición da Residencia, entre outras, as escritoras Paula Carballeira —Premio Nacional de Literatura Dramática— e Inés Martín Rodrigo, xornalista, e escritora galardoada co Premio Nadal de novela. A Residencia contará tamén coa participación de persoas vinculadas ao ámbito literario e da edición que se irán anunciando máis adiante.

Proxectos literarios

Ofértanse un total de 10 prazas, con preferencia para aquelas persoas nadas no ano 1989 e posteriores. Para participar é necesario enviar debidamente cuberto o boletín de inscrición que figura no apartado de descargas, acompañado da documentación requirida pola convocatoria:

  • Copia do DNI ou certificado de empadroamento
  • Breve CV con atención especial a aquelas experiencias relacionadas coa escritura
  • Un informe completo (máximo de 1.200 palabras) ao redor do proxecto a desenvolver na Residencia
  • Unha mostra de escritura (mínimo de 1.000 palabras, máximo de 2.000)

Poderán presentarse proxectos literarios en galego orixinais e inéditos: novelas, poemarios e obras dramáticas e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento —completo, (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita)—. Os proxectos non poderán terse presentado a ningún premio literario no momento da inscrición nin durante a celebración da Residencia, para o traballo e posta en común durante a mesma.

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 4 de abril de 2025. A residencia desenvolverase entre os días 30 de xuño e 12 de xullo de 2025 na Cidade da Cultura.