Tes na casa un pequeno ou pequena aspirante a fotógrafa? Se é así, halle encantar esta proposta de obradoiro familiar no que, o sábado 12 de marzo, artellaremos no Gaiás un estudio fotográfico para explorar aspectos como o traballo detrás da cámara, a composición da imaxe, ou a iluminación da escena.
Coa exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra como pano de fondo, este obradoiro ten como obxectivo aprender sobre o traballo da fotografía de estudio, percorrendo o imaxinario colectivo arredor da peregrinaxe a Compostela, de xeito que as familias participantes recrearán escenas do Camiño a partir das fotos da exposición, combinando imaxes contemporáneas e históricas.
A actividade afondará na fotografía como medio de documentación da realidade, pero tamén na composición de escenas ficticias a partir desta realidade, tomando como exemplo fotógrafos e fotógrafas que teñen utilizado esta técnica.
Ollo!
O obradoiro está pensado para realizar en familia, e especialmente recomendado para nenas e nenos con idades comprendidas entre 8 e 12 anos, acompañados dalgunha persoa adulta que tamén participará activamente na actividade. As persoas asistentes, distribuídas en grupos, realizarán os diferentes labores dun estudio fotográfico, alternándose para coñecer todas as funcións.
As familias participantes deberedes achegar obxectos de atrezzo para recrear no obradoiro as vosas particulares escenas do Camiño: desde cunchas de vieira, a gorras, chuvasqueiros, caxatos, cantimploras, mochilas, lentes de sol... Todo o que vos apeteza empregar nesta particular viaxe fotográfica no tempo e no espazo a través da ruta xacobea!

Imparten: Alejandro Novoa e Xabier Fernández Comesaña
Alejandro Novoa Domínguez. Fotógrafo de produto e eventos corporativos e sociais, deseñador gráfico dixital e docente de técnica fotográfica e deseño gráfico. Cofundador de copias de autor / xestión integral de proxectos fotográficos. Realiza traballos de xestión de cor, tratamento dixital, maquetación e impresión poética de imaxes.
Xabier Fernández Comesaña. Fotógrafo, artista visual, revisor e docente de técnica fotográfica e de autor. Cofundador de copias de autor / Xestión integral de proxectos fotográficos. Realiza traballos de revisión, asesoramento conceptual e de execución de proxectos fotográficos e artísticos.
Medidas de seguridade sanitaria covid-19
- Xel hidroalcólico á entrada e á saída
- Obrigatorio o uso da máscara durante toda a actividade
- Deberán seguirse en todo momento as indicacións do persoal responsable da actividade


