A partir do universo artístico de Francisco Asorey e das súas esculturas nacen as historias de Só lles falta falar. Contos nos que resoa a forma de ser das galegas e galegos, o vínculo que nos une coa natureza nos traballos e na vida, e tamén a importancia de manter vivas as tradicións e as narracións que, de boca en boca, se transmiten entre xeracións.
Este espectáculo de contacontos diríxese de maneira especial ao público infantil, con pequenos xogos de observación, ritmo e movemento fiados pola narración co obxectivo de achegar novos públicos culturais á obra dun dos escultores máis relevantes da historia da arte galega.
Haberá dúas sesións, os sábados 17 e 24 de xaneiro ás 17:00 horas no andar 3 do Museo Centro Gaiás, espazo onde se exhibe a mostra Francisco Asorey, unha recuperación necesaria. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.
Gaiás inspira
Só lles falta falar encádrase na nova liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.


