Reto da Raposa Fedella | Un paseo polo Bosque de Galicia

Garzas reais, árbores medicinais, porcos teixo ou galiñas de río. Onde está toda esta flora e fauna tan exótica? No monte Gaiás da Cidade da Cultura! A Raposa Fedella descóbrelle á vosa cativada os singulares habitantes do Bosque de Galicia nos novos e curiosos enigmas a resolver de hoxe.

Descoñeciades a existencia destes animais e plantas nos nosos espazos naturais? Pois, agardan por todos vós cando remate este #quedonacasa tan necesario, no que a nosa pícara amiga Fedella quere aproveitar para desafiarvos a facer por vós mesmos/as un comedeiro para os paxaros. Debera saber xa a esta altura de Aventuras no monte das artes o enxeño e habelencias das familias coas que trata!