Real Filharmonía de Galicia - «The Four Seasons Recomposed» | Ópticas contemporáneas 2024

A Real Filharmonía de Galicia pecha o ciclo Ópticas contemporáneas 2024 da Cidade da Cultura o 16 de novembro cun concerto especial no que interpretará, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, a obra The Four Seasons Recomposed, de Max Richter. O famoso compositor británico-alemán reimaxina neste peza As catro estacións de Vivaldi desde unha aproximación minimalista que combina instrumentación clásica e electrónica.

A obra deconstrúe a partitura clásica “nota a nota” sen renunciar á súa esencia. É posible recoñecer frases do orixinal —aínda que Richter afirma que desbotou tres cuartas partes do material de Vivaldi na súa recomposición—, e a tonalidade de cada estación mantense en todo momento.

The Four Seasons Recomposed estreouse no ano 2012 nun concerto da Britten Sinfonia e desde entón ten sido interpretado por incontables grupos e orquestras en todo o mundo. Ademais, a obra logrou un renovado interese recentemente, cando a aparición de «Spring 1» ao final da primeira temporada da exitosa serie de Netflix, Bridgerton, fixo viral o tema nas redes sociais.

Max Richter está considerado hoxe en día como un dos compositores máis influentes para toda a xeración máis nova de músicos pola súa fusión de música clásica con electrónica, que levou a numerosas bandas sonoras de cine e televisión nos últimos anos (ArrivalAd AstraThe LeftoversBlack Mirror, entre outras moitas).

Ópticas para a cativada

Os obradoiros infantís Ópticas para a cativada están pensados para favorecer a conciliación das familias que asisten ao ciclo Ópticas contemporáneas. Así, cada obradoiro desenvólvese en paralelo aos concertos de Mudar a pel —18 de outubro— e The Four Season Recomposed —16 de novembro—, para que as nenas e nenos poidan mergullarse tamén, ao seu xeito, na música. Impartidos por En Clave Método Suzuki, abrirán media hora antes do comezo de cada actuación.

A reserva de praza é gratuíta e pode facerse no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. Para reservar é necesario adquirir entrada para o concerto correspondente. Podes consultar a información ao detalle AQUÍ.

 
Música & Escena
 
Convocatoria aberta
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo