Re—Cantos, interpretación compartida das cantigas de Adolfina e Rosa | Letras Galegas no Gaiás 2025

Este 17 de maio, cantamos xuntas no Gaiás! Súmate a esta proposta dunha interpretación compartida dunha das cantigas de Adolfina e Rosa Casás Rama: unha actividade participativa coa que convidamos á cidadanía a unírmonos arredor da nosa música tradicional coa celebración das Letras Galegas como pano de fondo. Da man de SororAs.gal, improvisaremos na Praza Central do Gaiás unha pequena foliada na que, co acompañamento de percusión de man, faremos que as letras das nosas cantigas tradicionais —transmitidas de xeración en xeración— sigan a soar ben forte este Día das Letras Galegas.

Deixámosvos aquí un titorial en vídeo e tamén a letra da cantiga escolida para que ensaiedes na casa e vos animedes a subir ao Gaiás este 17 de maio para sumar as vosas voces a este canto participativo. A partir da actividade elaborarase un vídeo que será compartido posteriormente nas redes sociais da Cidade da Cultura, servindo como memoria audiovisual do evento e como ferramenta de difusión do patrimonio inmaterial galego.

Letra da cantiga 

Canta, miña compañeira,
canta que cadramos ben-he,
/:moitas almas se condenan
por que nos levamos ben-he:/

/:moitas almas se condenan
por que nos levamos ben-he:/

Porque nos levamos ben-he
témolo mundo ó contrario,
temos que nos apartar-e
anque nos coste traballo.

temos que nos apartar-e
anque nos coste traballo.

Fragmento da cantiga recollida na Vila da Igrexa - Cerceda, 1980-03. Informantes: Delfina (68) e Rosa (64). Compiladora: Dorothé Schubarth. Transcrición: Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. Museo do Pobo Galego, Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI)

O intanxible e o non mundo | Vídeo-creación de Mercedes Peón

Ademais, na sala de proxeccións do andar 0 do Museo proxectarase durante toda a fin de semana O intanxible e o non mundo, de Mercedes Peón. Unha peza de vídeo-creación que tivo a súa estrea efémera no festival Escenas do cambio 2025 na que a artista galega recupera documentos sonoros e visuais ao redor das tocadoras e os seus lugares de reunión para falarnos da súa importancia na tradición musical galega e da influencia que teñen na súa obra. Esta obra poderá verse o sábado 17 en horario especial de 10 a 23 horas e o domingo 18 no horario habitual de apertura do Museo, de 10 a 20 horas.

Coa forza no falar | Obradoiro de cantigas tradicionais e percusión miúda 

Previamente a esta interpretación compartida, o Museo Centro Gaiás acolle un obradoiro familiar de cantigas tradicionais e percusión miúda para deconstruírmos xuntas as letras da tradición galega, propoñer outras novas e aprender a tocar con obxectos cotiáns: desde culleres ata cunchas. Se queres participar, preme aquí para consultar máis información e coller entrada.

*Fotografía da gráfica: Adolfina e Rosa Casás na Vila da Igrexa (Cerceda) retratadas por Dorothé Schubarth. Cedida polo: Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

 
Letras & Pensamento