Raíces e ás | Campamento urbano no Gaiás para conectar coa natureza

Construír refuxios de morcegos e hoteis de insectos, observar as aves da lagoa e aprender os seus nomes, pescudar no bosque a pegada dos animais que alí viven e ata acampar baixo as estrelas. No verán de 2024, o campamento urbano da Cidade da Cultura convida á rapazada a re-conectar coa natureza e descubrir a biodiversidade do monte Gaiás cun feixe de actividades divertidas!

Baixo o título Raíces e ás, a actividade propón unha oportunidade de conciliación para as familias que o precisen na derradeira semana de xuño e a primeira de setembro. Ademais, fomenta entre a rapazada valores como o vencello coa natureza, a curiosidade e espírito de descubrimento, a creatividade, a convivencia e traballo en equipo e o desenvolvemento dunha conciencia ambiental sólida.

3 QUENDAS A ELIXIR 

  • Do 24 ao 28 de xuño de 2024
  • [NOVA QUENDA!]: Do 1 ao 5 de xullo de 2024
  • Do 2 ao 6 de setembro de 2024

2 GRUPOS DE IDADE 

  • De 4 a 7 anos 
  • De 8 a 14 anos [*Inclúe unha noite de acampada no Bosque de Galicia, opcional]

RESERVA DE PRAZA 

As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as 8.00 h da mañá. Para facer uso deste servizo é necesario solicitalo enviando unha mensaxe a través deste formulario indicando no asunto "Servizo madruga campamento" e no corpo da mensaxe os datos da reserva realizada.

Cronograma de actividades

HORARIO LUNS MARTES MÉRCORES XOVES VENRES
8-10h SERVIZO MADRUGA [petisco incluído no servizo + xogo libre]
10-11.30h Xogo e actividade de igualdade Construción de refuxios de morcegos e hoteis de insectos Xogo e actividade de pescuda de pegadas de animais no Bosque  Xogo e actividade de recoñecemento de aves Xogo e xincana ambiental
11.30-12h MERENDA [a cativada deberá traer da casa o petisco da merenda de media mañá]    
12-14h Xogo e elaboración de horta urbana Colocación dos refuxios no Parque do Lago. Actividade de recoñecemento de insectos Xogo e actividade de teatro Xogo e actividade de recoñecemento de árbores e plantas medicinais Xogo, baño de bosque e actividade dos sentidos
14-15h SAÍDA [xogo libre] 
19-10h       Acampada no Bosque de Galicia [grupo de 8 a 14 anos]  

 *Cronograma suxeito a variacións por cuestións organizativas ou meteorolóxicas.

Importante 

  • As nenas e nenos participantes deberán traer unha pequena merenda para media mañá e unha botella de auga (cantimplora) que se poida reencher. O petisco do almorzo do servizo madruga está incluído.
  • O campamento inclúe moitas actividades exteriores, polo que as crianzas deberán equiparse con calzado cómodo e pechado (evitar chancletas), gorra e crema solar.
  • Recomendamos traer roupa cómoda e entregar unha bolsa cunha muda para poder empregar en caso de necesidade. Esta muda quedará nas instalacións e só será necesario repoñela en caso de empregala.
  • Durante o campamento, poderán facerse actividades que impliquen mollarse en caso de calor ou manchar a roupa. Na bolsa coa muda recoméndase incluír, ademais da roupa de reposto, unha toalla, chancletas, e roupa de baño.
  • No grupo de idade de 8 a 14 anos, as actividades do campamento inclúen unha noite (opcional) de acampada no Bosque de Galicia. Para esta actividade será necesario traer saco de durmir, esteira, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo. En caso de moi mal tempo, a actividade trasladaríase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A cea e o almorzo serán proporcionados no desenvolvemento da actividade. É importante que se indiquen alerxias ou intolerancias alimentarias no formulario de compra de entrada.

Corresponsables no Gaiás

A Cidade da Cultura está a consolidarse como un espazo cultural de referencia para todas as idades, incluíndo non só unha programación específica para gozar en familia, senón tamén un eixe estratéxico prioritario pensado para favorecer a conciliación cando as nais e pais máis o necesitan, isto é, nas vacacións dos centros educativos. O campamento urbano Raíces e ás afonda nesta liña de traballo ofrecendo actividades que atenden a conciliación dun xeito transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre mulleres e homes.

A actividade forma parte do Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Política Social e Igualdade para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica. En total, ao abeiro do Plan Corresponsables promovido pola Xunta desenvolveranse medidas de conciliación nos concellos galegos, en 57 ANPAS e ao redor de 20 entidades de iniciativas social, federacións deportivas e campamentos. O programa inclúe campamentos e obradoiros relacionados co ámbito cultural, actividades de animación á lectura e de reforzo educativo, entre outras, todas elas prestadas por persoal cualificado.

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas