Unha casa sobre rodas que percorre as rúas e invita a entrar, xogar e formar parte da aventura. Quince xogos construídos con bidóns, potas e pezas de ferro recuperadas, acompañados dun carrusel impulsado por pedais. Un personaxe atrapado nunha casa que cobra vida propia. E tamén clown, acrobacias, malabares, monicreques, música e maxia para poñer a imaxinación a proba. Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás para facer do monte un lugar de ensoño habitado por seres fantásticos para gozar dun gran reencontro antes da volta das vacacións de verán. Este 5 de setembro de 17.00 a 20.00 h a cativada colle o mando da Cidade da Cultura para convertela nun lugar de seu.

ESPECTÁCULOS DE PISTA
![]() |
GHOP! (Teatro O Cubo – Galicia) – Circo Espectáculo recupera a estética dos antigos circos ambulantes, con tres protagonistas que combinan malabares, monicreques, acrobacias e maxia nunha proposta participativa, chea de humor e ganas de facer gozar ao público. |
![]() |
Mahara (Bucraá Circus - Cataluña) – Clown Unha proposta de clown sobre a soidade e a perda da memoria, no que un personaxe atrapado nunha rutina absurda intenta capear o temporal nunha casa que cobra vida propia, acompañado polas súas pantasmas e un vello papagaio que nunca responde. |
![]() |
La crisis de la imaginación (Rauxa - Cataluña) – Circo e danza Espectáculo de circo contemporáneo, danza e monicreques no que dous personaxes se mergullan nun mundo onírico tras unha inesperada crise da imaxinación. A través do movemento, a peza explora os límites entre o posible e o imposible. |
ESPECTÁCULOS ITINERANTES
![]() |
A caravana (Projeto Ez – Portugal) – Experiencia interactiva Experiencia de rúa que converte unha casa sobre rodas nun espazo de xogo e exploración, convidando ao público a percorrer as súas estancias, sentarse, xogar e formar parte activa dunha aventura itinerante chea de detalles e estímulos sensoriais. |
![]() |
FemFarria (Asturias) – Música Proposta musical itinerante na que un grupo de mulleres artistas leva o ritmo e o humor ás rúas, mesturando música en directo, participación e moitas sorpresas. Toda una explosión de enerxía para facer bailar e gozar a todos os públicos. |
ZONAS DE XOGO E ACTIVIDADES
![]() |
Espazo sensorial para bebés (Risotadas – Galicia) – Instalación Espazo para a exploración da cativada de 0 a 3 anos mediante estímulos visuais, sonoros e táctiles que fomentan a curiosidade dende os primeiros meses. Unha experiencia que promove o benestar emocional e fortalece o vínculo afectivo. |
![]() |
Escoliña de circo (Pistacatro - Galicia) - Instalación Un obradoiro para indagar os talentos e as habilidades circenses da cativada en familia. Este espazo educativo e lúdico promove o desenvolvemento integral a través do xogo, a creatividade e a aprendizaxe activa. |
|
|
Xogos tradicionais (SororAs - Galicia) – Espazo de xogo Un espazo de xogos tradicionais para fomentar a creación e a aprendizaxe en igualdade. Un espazo de diversión para a cativada ao longo de toda a xornada.
|
![]() |
Danza del metal (Espectaclespectacular (Cataluña) – Zona de xogo Unha instalación de xogos creada a partir de obxectos reciclados. Quince xogos artesanais e un carrusel de pedais convidan a explorar, xogar e descubrir novas formas de divertirse con pezas tan sinxelas como bidóns, potas ou estruturas de ferro. |
| 2.73 MB |










