Este 2025 volvemos ofrecer á cativada que asiste a Pequefilmes a oportunidade de converterse en cineastas por un día cos obradoiros de cinema e teatro de sombras chinesas que decorrerán na fin de semana do festival de curtas infantís. Así, ademais de gozar das mellores producións de animación chegadas de diversos países, o público miúdo tamén poderá experimentar creando a súa propia peza audiovisual. Na actividade adaptaremos un conto breve a partir dun texto guionizado previamente, traballando en grupo aspectos como:
- O deseño e construción de personaxes e escenarios
- A preparación das caixas de luz para crear a contorna
- Ensaios de animación e de dobraxe
- Gravación dos planos
Rematado o obradoiro farase a montaxe de imaxe e son.
Estes obradoiros están pensados para nenas e nenos a partir dos 5 anos de idade, que deberán estar acompañados durante a actividade dunha persoa adulta responsable.


