Ópticas contemporáneas. A música reborda o pentagrama

A Cidade da Cultura presenta este ciclo de música para o outono, Ópticas Contemporáneas. A música reborda o pentagrama, composto por tres concertos vencellados á música clásica desde unha perspectiva innovadora e contemporánea. Comeza cunha ópera de Miguel Azguime en versión concerto cunha clara preponderancia dos compoñentes visuais e con mesturas electrónicas moi atractivas, e continúa con música clásica e electrónica  cunha peza composta por Vivan e Ketan Bhatti e interpretada pola Real Filharmonía de Galicia. O ciclo remata coa actuación dun pianista do movemento chamado “neoclásico” ou “indie clásico” que achega a música clásica ás grandes masas de público, Federico Albanese.

29 OUT | Miguel Azguime - "Un riso para chorar" | Ópera, acústico, electrónica

Un riso para chorar reflexiona sobre o poder hexemónico de destrución da memoria e de devastación da Terra. Tamén especula sobre o colapso da propia humanidade no contexto dun mundo globalizado. A ópera desenvólvese na fronteira entre o soño e a realidade, entre o visible e o invisible, entre o riso e o pranto. Trátase dun teatro metafísico que pon no escenario arquetipos eternos a través de cinco personaxes e sete instrumentos acústicos con medios electrónicos en tempo real. Música e libreto multilingüe, recitador: Miguel Azguime | Director: Pedro Neves | Sopranos: Camila Mandillo e Andrea Conangla | Baixo barítono: André Henriques | Recitador: Jade Mandillo | Músicos: Sond’Ar-te Electric EnsembleVÍDEO 

 

3 NOV | Real Filharmonía de Galicia - "Flying pictures "- Vivan e Ketan Bhatti | Música clásica e electrónica

A Real Filharmonía de Galicia mestura neste concerto música electrónica e música clásica. “Cadros dunha exposición” de Mussorgsky é o punto de referencia para unha nova composición e interpretación contemporánea a través da visión de Vivan e Ketan Bhatti. O seu proceso descríbese co termo "palimpsesto", un manuscrito para unha peza no que o texto se raspou ou lavou para facer reescrituras sobre fragmentos do orixinal. A peza, interpretada baixo a dirección de Baldur Brönnimann, é unha ESTREA EN ESPAÑA. Foi creada orixinalmente para unha colaboración co grupo de danza Flying Steps.

 

26 NOV | Federico Albanese - "Days of Passage" | Piano e electrónica

Compositor, pianista e produtor italiano nado en 1982 e establecido actualmente en Berlín. Nas súas composicións mestura música clásica, pop alternativo e psicodelia. O seu primeiro traballo The Houseboat and the Moon saiu no 2014. Neste 2023 acaba de publicar o seu novo EP, Days of Passage, co que chega ao Gaiás.Son sete temas nos que procesa pensamentos e emocións como unha viaxe á imaxinación. O ano pasado realizou unha extensa xira por Europa con Before and Now Feels Infinite. Englóbase na escola de público con Ludovico Einaudi ou Olafur Arnalds, como nomes destacados, e nas súas paisaxes sonoras de piano tamén incorpora elementos de guitarra, baixo, violín e electrónica. VÍDEO

 

 
Música & Escena