Coñecedes a Rosiña? É unha galiña moi especial: pon ovos de conto! Dentro de cada un agocha personaxes sorprendentes que agardan ser descubertos. Mais a pobre está nun apuro: encargáronlle varias ducias de ovos para a feira e soa non pode con tanto traballo. Queredes botarlle unha man?
Neste obradoiro creativo en conmemoración do Día da Alfabetización, a narración oral e a plástica danse a man para convidar á rapazada a mergullarse nunha historia que medra coa súa participación. Primeiro coñecerán a vida da galiña e escoitarán o que acontece no seu galiñeiro máxico. Despois, entre todas e todos, irán recollendo ovos, descubrindo os personaxes que se esconden no seu interior e dando forma a un conto colectivo. Para iso, aprenderán a modelar novos bonecos cos que darlle vida aos seus personaxes. Ademais, levarán consigo a receita da masa para seguir xogando e inventando na casa.
A galiña dos ovos de conto é unha proposta participativa, lúdica e creativa, na que literatura, artes plásticas e fantasía se mesturan para promover o desenvolvemento artístico dende idades temperás.

