Obradoiro 'Deseñando o noso escudo familiar' | Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia 2022

Sabemos por qué o símbolo da casa Gryffindor de Harry Potter é un león? Ou por qué as cores da casa Slytherin son o verde e o prateado? Será porque o noso Harry é valente aínda que ás veces imprudente coma os leóns ou porque Draco Malfoy é astuto e ambicioso coma as serpes?

Aínda que a orixe dos escudos xorde na Idade Media, hoxe en día comprobamos que estas representacións poden aplicarse de forma moi variada e con obxectivos moi distintos.

Neste obradoiro, o que pretendemos por tanto, é introducir aos nenos e ás nenas de primaria na orixe e significado da heráldica: como xorde, como se foi desenvolvendo co tempo e como podemos deseñar un escudo de armas propio seguindo as regras básicas da heráldica. Para iso, primeiro faremos unha breve explicación de forma amena e entretida sobre a súa orixe e a dos diferentes elementos que o representan e o por que: cores, formas, figuras… E despois crearemos un escudo familiar xogando coas formas e símbolos comúns da heráldica: animais, castelos, plantas…

Finalmente cada participante poderá levar o seu escudo nunha chapa que se fará “in situ”.