Neste entroido 2026 as esculturas do museo cobran vida, baixan do seu pedestal e organizan un gran baile. Como serían as esculturas se puideran moverse e bailar? Como vestirían? Que cores levarían? Este ano, convidamos aos nenos e nenas a reimaxinar a obra de Asorey e convertila nun gran baile de esculturas!
[ENTRADAS ESGOTADAS]
Unha visita á exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria bastará para percatarse de que no museo habitan personaxes moi distintos: aviadores, escritores con bigote, labregos e labregas, xente da burguesía, animais que parecen saídos dun conto como un xatiño, un lobo ou un gato e, sobre todo, roupas fermosas e coloridas.
Este baile de entroido é un convite a deixar voar a imaxinación e gozar non só da festa, senón tamén dos preparativos, do momento de fantasear sobre que traxe levar ou como reinterpretar estampados e teas. Convidamos á cativada e maiores a facer o seu propio traxe con tecidos e materiais reutilizados como telas vellas, sabas, panos, cartón ou brillos!
A tarde esterá chea de música dende o comezo coa pinchada musical de Marifaltri, un concerto do tributo Lembra Xabarín e un show de danza urbana da man de Vella Escola e, por suposto, o xa tradicional concurso de disfraces!

Picadiscos Marifaltri

María Faltri é unha das voces máis recoñecidas da música infantil galega e a vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco. Para este baile de entroido chega cun espectáculo tan especial como divertido: unha pinchada de música infantil galega pensada para cantar, bailar e deixar o corpo moverse sen parar. A súa ampla experiencia na animación cultural convértese no mellor aliado para que a cativada xogue, participe e descubra cancións a través dos libros da súa pequena biblioteca ambulante, nun ambiente cheo de ritmo, imaxinación e festa.
Concerto Tributo Lembra Xabarín

O concerto tributo Lembra Xabarín convida a pequenos, pequenas e familias a compartir o amor pola nosa lingua a través dos debuxos animados e da música. O grupo propón unha viaxe musical e interxeracional con temas de Heredeiros da Crus, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Victor Coyote, Blood Filloas, La Marabunta ou Siniestro Total. O obxectivo é achegar a música en galego que marcou unha xeración ás que viñeron despois, nun concerto pensado para gozar en familia, bailar, cantar e celebrar o legado cultural que nos deixou o Xabarín.
Obradoiro de Danza Urbana con Vella Escola

Este obradoiro de danza urbana está pensado para que a cativada se mova, xogue e se exprese a través do baile. Da man de Vella Escola, os nenos e nenas descubrirán diferentes estilos das danzas urbanas como o hip hop, o popping ou o locking dun xeito divertido e adaptado á súa idade. A través do movemento, do ritmo e do traballo en grupo, o obradoiro propón un espazo para experimentar co corpo, seguir a música e aprender unha pequena coreografía colectiva, sempre desde o xogo e o goce de bailar xuntos.
Concurso de disfraces

Dádelle ás á imaxinación para deixar coa boca aberta ao público e ao xurado do noso concurso de disfraces. Este ano, o xurado camiñará entre o público ao longo da tarde para premiar os mellores traxes! Animámosvos a buscar ideas nas esculturas de Francisco Asorey e nos personaxes que habitan o museo: labregos e labregas, animais, figuras históricas, tecidos, cores e formas que parecen saír da pedra para cobrar vida. E, aínda que o obxectivo principal é pasalo ben, as persoas premiadas poderán levar un agasallo especial inspirado en Xabarín Club, así como un lote de libros en galego.









