Nexos 2016

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en xaneiro de 2016 da man de Marcos Lorenzo, propoñendo desta vez un diálogo entre temáticas tan variadas como o cinema documental, a arquitectura, a historia da literatura e o turismo.

Como é habitual, combinaremos relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes, nas que non faltarán estreas de espectáculos creados en exclusiva para Nexos. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido. 

Ao longo deste semestre analizaremos a evolución do cine de inspiración social e a emerxencia actual do xénero documental; coñeceremos de primeira man ás figuras máis relevantes e ás principais correntes da nova arquitectura galega; saberemos das peripecias biográficas de Shakespeare e Cervantes nos seus derradeiros anos de vida, xustamente cando se celebra o cuarto centenario do seu falecemento; e estudaremos como o turismo cultural transforma (para ben e para mal) territorios e formas de vida. 

Catro sesións a celebrar na Biblioteca de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.