Nadal no Gaiás 2016

Este Nadal víveo ao ritmo do Gaiás! Entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, a Cidade da Cultura ofrece un programa de actividades para pasar estas datas en familia rodeados de música, creatividade e moita diversión.

O programa musical comezará o 23 de decembro con El Sastrecillo Valiente, un clásico dos Irmáns Grimm convertido nun espectáculo musical para monicreques. O ritmo continuará o 28 de decembro co serán Nadal Rock, velada musical na que grandes e pequenos aprenderán a mover as cadeiras ao ritmo do rock and roll e gozarán cos temas interpretados por unha das bandas rockabilly con máis sona de Galicia: Mad Martin & The Blue Christmas Combo. As citas musicais rematarán o 3 de xaneiro cun dos imprescindibles do Nadal no Gaiás: o festival solidario Cancións por regalos. Xa sabes as normas: trae un regalo, goza das mellores cancións do bo momento e fai feliz a un neno o Día de Reis.

A literatura, a creatividade e o teatro tamén serán protagonistas deste Nadal a través dos obradoiros da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Do 26 ao 29 de decembro, esta institución celebrará catro obradoiros artísticos ao redor da Xeración Nós e o traballo dun dos seus máximos expoñentes: Castelao. E xa do 2 ao 4 de xaneiro, Bonecos en escena permitirá crear unha peza de teatro cos monicreques elaborados polos propios participantes.

Durante o Nadal, a exposición Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade ábrese ás familias con percorridos adaptados nos que gozarán por igual grandes e pequenos. E, por suposto, a Cidade da Cultura convoca un ano máis o Concurso de postais. Xa sabes: colle o patrón que Cinta Arribas deseñou para ti, imaxina o teu propio Nadal no Gaiás e constrúe a túa postal.