Mudar a pel é unha obra na que as imaxes, os sons e a palabra son os vehículos para transmitir á audiencia aspectos da sociedade actual que son obxecto tamén da investigación antropolóxica. Esta singular peza será interpretada polos seus creadores, a profesora e investigadora Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro, Llorián García, e o historiador e artista sonoro, Andrés Rodrigues o 18 de outubro dentro do ciclo Ópticas contemporáneas 2024 da Cidade da Cultura.
Nun mundo que está revolto —afectado por pandemias, violencias de todo tipo, degradación ambiental, desigualdades extremas, vulneración de dereitos, etc.— a nosa “pel psicolóxico-emocional”, aquela que ten que ver cos sentidos, co contacto, as voces, os cheiros, os obxectos coñecidos, e que nos dá seguridade cando sentimos que o mundo se cambalea baixo os nosos pés, está ferida.
Como exercicio de exploración ao redor desta ferida e das posibilidades de sandala, Mudar a pel afonda nas conexións entre antropoloxía, arte, música e literatura para presentar unha experiencia que se sinte co corpo enteiro. Unha vivencia física que acompaña no campo do sensible o necesario proceso de reorganización e redefinición do social e do antropolóxico que se estuda desde a academia.
O proxecto é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada en colaboración entre o Fundación Cidade da Cultura e o Instituto de Ciencias do Patrimonio dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).
Ópticas para a cativada
Os obradoiros infantís Ópticas para a cativada están pensados para favorecer a conciliación das familias que asisten ao ciclo Ópticas contemporáneas. Así, cada obradoiro desenvólvese en paralelo aos concertos de Mudar a pel —18 de outubro— e The Four Season Recomposed —16 de novembro—, para que as nenas e nenos poidan mergullarse tamén, ao seu xeito, na música. Impartidos por En Clave Método Suzuki, abrirán media hora antes do comezo de cada actuación.
A reserva de praza é gratuíta e pode facerse no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. Para reservar é necesario adquirir entrada para o concerto correspondente. Podes consultar a información ao detalle AQUÍ.


