Mes da Ciencia na Biblioteca | Animal Print: As cores da biodiversidade

Nos últimos tempos as prendas de moda baseadas en peles de animais convertéronse en tendencia, e cada vez máis é frecuente atoparnos con persoas cuxa vestimenta imita a aparencia externa dun animal. Chega con botar unha ollada a estas prendas para decatarnos que sempre empregan como fonte de inspiración a animais terrestres (león, tigre, cebra...)

É que os animais mariños non serven de inspiración para a creación destes estampados? Acaso non existen cores chamativas nos animais do océano?

Os animais mariños empregan a súa aparencia externa como medio de comunicación. Deste xeito varían as cores, por exemplo, para camuflarse e evitar ser depredados, para enganar aos seus conxéneres empregando a distracción ou mesmo para a cópula.

A través desta actividade de expresión artística coñeceremos a gran diversidade de cores e morfoloxías que presentan os animais mariños e explicaremos cales son os mecanismos que empregan para esta produción de cor.