Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia 2023 | Actividades en familia

Biblioteca de Galicia celebra o mes dedicado á ciencia nas bibliotecas, novembro, con varios obradoiros e actividades destinadas a un público familiar, converténdose nun gran laboratorio no que poderán desfrutar nas tardes do sábado con divertidas experiencias, á vez que aprenden e afondan no coñecemento científico dunha maneira moi amena. O Mes da Ciencia na Biblioteca de Galicia é un ciclo con gran éxito en anteriores edicións e que volve nesta ocasión coas seguintes propostas:  

Obradoiro: Atopa a especie! | 4 NOV | 17.00H | Inscríbete

 

Dalle a volta e descubre as parellas de especies mariñas! Somérxete no medio mariño a través dun entretido xogo de memoria visual, no que coñecerás algunhas das especies máis representativas das augas atlánticas que bañan as costas de Galicia. Atopa a especie! é a actividade ideal para divertirse e aprender sobre a ciencia que se fai no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, en Vigo, a través dun xogo tipo memory.

*De 6 a 10 anos

 

Obradoiro: A ruta da mámoa | 11 NOV | 17.00H | Inscríbete

 

Inspirado no clásico Xogo da Oca, adaptado á prehistoria. Neste obradoiro as persoas participantes dividiranse en grupos para intentar chegar á mámoa situada no centro do taboleiro. Para iso terán que prestar moita atención e contestar correctamente todas as preguntas, afrontándose aos perigos típicos de calquera ruta de montaña: barrancos, montes, brañas...Serás quen de chegar o primeiro/a e converterte nun experto/a en arqueoloxía?

*Público familiar


Escape-room: Biomisión | 18 NOV | 17.00H | Inscríbete

 

No ano 2050 o clima e a polución levaron á desaparición dos cultivos na Terra. A última esperanza para poder alimentar á humanidade é un pequeno grupo de investigadoras e investigadores. Terán que enfrontar numerosos desafíos para atopar as últimas sementes viables e conseguir cultivalas en condicións extremas. Así, se queres participar no BIOMISIÓN ESCAPE ROOM, monta un grupo de 4 ou 5 persoas coa misión de salvar a Terra. 

*De 11 a 14 anos

 

Obradoiro: Arqueoloxía dos sentidos | 25 NOV | 17.00H | Inscríbete

 

Neste obradoiro invitámoste a adiviñar o que hai no interior de cinco caixas pechadas. Pero ollo!, non podes mirar, terás que empregar o teu tacto, oído e olfato.Os obxectos ou materiais agochados nelas pertencen á prehistoria e son réplicas dos que aparecen habitualmente nas escavacións arqueolóxicas. A través de todos eles, coñecerás moitas cousas interesantes sobre como vivían as nenas e os nenos naquela época.

* De 7 a 12 anos





 
En familia
 
8 de xuño de 2024
Ás 11.30 e ás 12.00 horas