Masterclass “O audiovisual e os museos”

Unha viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra… e de imaxes. A mostra Gallaecia Petrea aposta pola narración audiovisual para enriquecer o seu discurso expositivo, poñendo en evidencia as múltiples posibilidades e aplicacións da arte cinematográfica. Con este tema central, o Museo Centro Gaiás celebra o 12 de marzo a masterclass O audiovisual e os museos, a cargo dos directores galegos Jorge Coira, Belén Montero e Juan Lesta, tres dos responsables das proxeccións audiovisuais que se poden ver na mostra.

Cunha duración de tres horas, os participantes desta masterclass coñecerán de primeira man as diferentes saídas que ofrece o audiovisual aplicado á cultura e ao disucrso museístico. Coa experiencia de Gallaecia Petrea como punto de partida, os tres directores explicarán o proceso de xestación de contidos audiovisuais específicos para ser visionados nun museo, desde a elaboración da proposta inicial á produción das pezas, a relación das imaxes cos visitantes ou as formas de narración diferenciadas.
 
Previamente, terá lugar a presentación do documental Sentindo a pedra, unha obra audiovisual que ofrece en pouco menos de trinta minutos un fermoso percorrido pola historia pétrea galega: desde a formación xeolóxica do noso territorio ata os nosos días. Coa produción executiva de Fernanda del Nido e a música de Nani García, Sentindo a pedra supón un novo relato audiovisual a partir das pezas creadas por Jorge Coira, Marcos Nine, Jairo Iglesias, Juan Lesta e Belén Montero para a exposición Gallaecia Petrea.