Maker Faire Galicia 2020 | Edición en liña

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura transfórmase este novembro no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sexta edición estrea un novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un grande escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, ao que neste ano atípico se accederá de maneira remota desde calquera punto do planeta.

O evento lanzou xa a plataforma en liña https://makerfairegalicia.com/gl na que as persoas interesadas poden rexistrarse de balde para asistir ao evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de novembro. Nesta plataforma, os e as visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás, convertido nun entorno virtual en 360 graos. Movéndose a través deste espazo, poderán interactuar con cada un dos expositores participantes, conectándose en directo cos e coas makerspara coñecer polo miúdo os seus proxectos. Desta forma convértese nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial que se celebra integramente a través de Internet.

Ademais deste espazo expositivo, programaranse diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, outras dúas destinadas a público xeral e moi especialmente aos e ás makers máis novas, e como novidade nesta edición, unha xornada dedicada exclusivamente ao ámbito educativo.

Programa 

  • 18 e 19 de novembro: O mundo maker e a industria en sectores como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde e economía circular.
  • 20 de novembro: Xornada sobre educación e centrada en tecnoloxía, innovación educativa e inclusión.
  • 21 e 22 de novembro: Xornadas abertas a público xeral, con contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, do it yourself, arte, música ou gaming entre outros.

Relatores e relatoras

Personalidades do ámbito da neurotecnoloxía, do desenvolvemento de aplicacións, ou influencers do do it yourself cóntanse entre os relatores dun programa que poderá seguirse enteiramente a través de videoconferencia e que se irá debullando ao completo nas vindeiras semanas. Ata o momento, está xa confirmada a participación de destacados relatores e relatoras como: 

Yannick Roy, co-fundador e director executivo de NeuroTechX, a comunidade internacional máis grande de entusiastas da neurotecnoloxía. Esta organización sen ánimo de lucro loita por difundir coñecemento, recursos e oportunidades de aprendizaxe arredor da neurotecnoloxía, e xerar sinerxías entre proxectos de innovación neste eido. A comunidade conta xa con 16.000 membros en todo o mundo, que comparten información e impresións sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY.  
Co-creadora e CEO de MyRealFood, Sofía Belenguer falará das orixes e evolución desta aplicación, popularizada polo nutricionista Carlos Ríos que tamén está detrás do proxecto, que axuda ás persoas a manter unha dieta saudable baseada na “comida real”, un movemento que gaña cada vez máis adeptos na procura dunha alimentación máis natural, deixando de lado produtos ultraprocesados.  
A maker e estudante de medicina Maitane Alonso, sorprendeu á NASA con só 18 anos coa súa máquina de conservación de alimentos coa que quería loitar contra o desperdicio de comida. O ano pasado, o seu invento foi galardoado nun prestixioso certame de ciencia e tecnoloxía organizado polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), obtendo a maior distinción en Sustentabilidade e a segunda en Microbioloxía.
James Brutoncoñecido youtuber especialista en robótica e antigo deseñador de xoguetes. Este enxeñeiro eléctrico e mecánico levou a súa paixón pola robótica a outro nivel coa creación de incribles proxectos de código aberto que comparte de xeito gratuíto con vídeos detallados que sobe ao seu canal. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o can robótico coñecido como “Open Dog”.  
Antón Vazquez, de Alén Space, empresa galega dedicada ao desenvolvemento, deseño e construción de satélites dixitais, tanto software como hardware. Trátase dunha spin-off da Universidade de Vigo que se fundou en 2017, pero cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: Xatcobeo. Traballaron en misións espaciais coa Axencia Espacial Europea, a Axencia Espacial Brasileira ou a NASA.   

 

Call for Makers 

Se es unha empresa de recente creación, un centro educativo, unha asociación ou un/unha maker, non esperes máis e presenta o teu proxecto! O call for makers está aberto desde o 2 de setembro ata o 23 de outubro. Podes optar a impartir unha charla, un taller ou expoñer teu proxecto e compartir coñecemento coa comunidade maker. Non perdas o evento de innovación máis importante do ano!

A sexta edición da Maker Faire Galicia celébrase unha vez máis no Museo Gaiás, aínda que este ano de forma virtual, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a APD.