Magostos no Gaiás | Luar na lubre, Sumrrá e Milladoiro

Non hai outono sen Magosto, tampouco na Cidade da Cultura, que non podía deixar de festexar esta cita con tanto arraigamento na cultural popular galega, e tamén na programación cultural do Gaiás. 

Celébramolo ademais partillado en tres sábados de magostos! que terán en común as imprescindibles castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia e unha representación en cada un deles da mellor música galega, neste caso reflectindo a alta calidade e a versatilidade da nosa escena, xa que imos contar no Museo Centro Gaiás cos concertos de Luar na lubre (24 de outubro), unha das formacións tradicionais con máis prestixio de Galicia; con Sumrrá (31 de outubro), referentes do jazz contemporáneo, tamén fóra das nosas fronteiras: e con Milladoiro (14 de novembro), o grupo galego de música folk celta máis valorado e recoñecido internacionalmente.

Ao igual que toda a programación cultural do Gaiás, a celebración desta tradición tan nosa tamén contará coa aplicación do protocolo de seguridade sanitaria pola covid-19. Polo que se establecerá distancia social de 1,5 metros entre persoas que non pertenzan ao mesmo círculo de conviencia e será obrigotorio o uso da máscara. Todo co único obxecto de gozar plenamente deste festexo coa maior tranquilidade.

Consecuentemente, aínda que non vai faltar a degustación das saborosas castañas, si deberá facerse doutro xeito: terédelas ao final de cada un dos concertos nunha bolsa xeitosa para que as levedes con vós e preparedes na vosa casa como máis vos preste. 

MAGOSTO NO GAIÁS | LUAR NA LUBRE | SÁBADO 24 OUT

Luar na lubre fundouse en 1986 na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galegas. Cun repertorio baseado fundamentalmente en músicas de raíces galegas,  é actualmente a banda máis internacional de Galicia que ten actuado en Palestina, O Canadá, Alemaña ou A Arxentina. Aos Magostos no Gaiás 2020 traen o seu último traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias dos seus camiñantes.

 

 

 

 

MAGOSTO NO GAIÁS | SUMRRÁ | SÁBADO 31 OUT

Tras dezanove anos xuntos, seis discos editados e centos de concertos, Sumrrá é unha referencia do jazz contemporáneo e, sen dúbida, un dos tríos máis interesantes da escena jazzística española. Dende os seus inicios no ano 2000, Sumrrá cativou á crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá está formado polo pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido. 

  Entrada con convite en ataquilla.com | 30 OUTUBRO
 
 
 

 

MAGOSTO NO GAIÁS | MILLADOIRO | SÁBADO 14 NOV

O grupo galego de música folk celta máis valorado e recoñecido internacionalmente. Nado a finais da década de 1970 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. A formación está considerada unha das máis importantes no eido da investigación de novas sonoridades para o folk galego. Entre os seus múltiples recoñecementos atópanse os premios da Crítica e da Música e as Medallas Castelao e de Galicia.

 

 Entrada con convite en ataquilla.com | 13 novembro