Letras Galegas 2021| Xela Arias: Relecturas

A Cidade da Cultura súmase como cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Xela Arias, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás para pór en valor a actividade como poeta, tradutora, editora e docente dunha das figuras creativamente máis inconformistas, transgresoras e esixentes das nosas letras, que, en palabras de Ana Romaní "despregou ao longo de corenta e un anos de vida a paixón da palabra na súa máis depurada independencia, en cada un dos seus actos poéticos, culturais, cívicos".

Para compartir e dar visibilidade ao legado literario de Xela Arias, contribuíndo a que a cidadanía coñeza mellor á persoa homenaxeada nas distintas edicións das Letras Galegas, na Cidade da Cultura continuamos a senda dos últimos anos organizando a nosa habitual lectura compartida. Nesta ocasión, ademais de contar coa participación de todo o público interesado, realizarase unha actividade específica co alumnado de dous centros de ensino das vilas clave na vida de Xela Arias: Sarria e Vigo.

Lectura para público xeral

Todo o público que se achege á Cidade da Cultura o sábado 8 de maio está convidado a sumarse á lectura dun poema de Xela Arias -a partir dunha escolma realizada por Chus Nogueira, filóloga, presidenta da Asociación Galega da Crítica, e investigadora especializada en poesía galega contemporánea con especial atención á figura de Xela Arias-. Esta lectura participativa será gravada en vídeo para a difusión dunha peza audiovisual o 17 de maio, coa que dun xeito inclusivo, dinámico e colaborativo, achegar e promocionar a vida e obra da poeta entre toda a cidadanía.

Lectura con centros escolares

Este ano ademais, a nosa lectura participativa ábrese aos centros escolares a través dunha actividade en liña con alumnado de dúas localidades de referencia na vida de Xela Arias: a súa vila natal Sarria e a cidade de Vigo, lugar onde desenvolveu a súa carreira literaria. Estudantado do departamento de lingua e literatura galega do IES Xograr Afonso Gómez e do Instituto Castelao de Vigo, que están a traballar nos seus itinerarios curriculares obra de Xela Arias, escollerán tres poemas para lelos e analizalos de xeito conxunto a través dunha videoconferencia entre os dous centros e o Museo Centro Gaiás. Este encontro virtual realizouse o martes 11 de maio, moderado pola poeta Nuria Vil.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada