La Fura dels Baus | NN (Nova Normalidade)

La Fura dels Baus trae o seu novo macroespectáculo NN (Nova Normalidade) á Cidade da Cultura, unha proposta estreada este mesmo mes de xullo e dirixida por Carlus Padrissa coa que a compañía catalá quere recoñecer o traballo do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. O espectáculo contará coa participación de máis de 60 artistas galegos --da Agrupación tradiconal Cantigas e Agarimos-- que nesta función en Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes.

NN (Nova Normalidade) toma como punto de partida a loita contra a covid-19 para trazar un paralelismo entre os sanitarios e científicos do momento actual e os exploradores que séculos atrás abriron novas rutas marítimas ata conectar todos os océanos e circunnavegar o planeta demostrando que a Terra é esférica. Con esta peza, La Fura capta ademais a nova normalidade como un berro unánime para que a Humanidade se una na consecución dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), remando todos e todas na mesma dirección ante ameazas como pandemias como a do coronavirus, ou o cambio climático.

A proposta, ideada e producida durante o confinamento, integra música, canto, actuación e performance baixo a icónica linguaxe fureira e conta coa voz da soprano Alba Fernández Cano, e a música do guitarrista Pep Mendoza. Busca ser unha homenaxe non só a todo o persoal sanitario, senón a todas as persoas que traballan en tarefas dirixidas a protexer a saúde da cidadanía, desde persoal de limpeza, a equipos científicos, celadores, persoal de enfermería e medicina, terapeutas, traballadores sociais, condutores de ambulancia, ou farmacéuticos

Sobre La Fura dels Baus

La Fura dels Baus foi pioneira en reconceptualizar dous dos aspectos máis importantes de todo arte dramático: o espazo e o público. Así, respectivamente, redefiniron os escenarios – trasladándoos a espazos non convencionais– e mudaron de pasivo a activo o papel do público. Coa inquedanza e a necesidade constante de explorar novas tendencias artísticas desenvolveron, mediante un proceso de creación colectiva, unha linguaxe, un estilo e una estética propios, que souberon levar a diferentes xéneros: a arte escénica, a ópera, o cinema ou o macroespectáculo.

Carlus Padrissa, director do espectáculo NN (Nova Normalidade), é un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea ademais un dos proxectos máis ambiciosos de La Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas.

Mapa de acceso ao espectáculo

 
Música & Escena
 
Nova Normalidade, na súa estrea en Barcelona (Xavi Torrent)
Nova Normalidade, na súa estrea en Barcelona (Xavi Torrent)
Nova Normalidade, na súa estrea en Barcelona (Xavi Torrent)
Nova Normalidade, na súa estrea en Barcelona (Xavi Torrent)
 
XOVES [9 xullo ao 3 setembro]
21 horas
SETEMBRO 2020