«Karst» | RESIS en Residencia

A Cidade da Cultura volve acoller dentro do seu programa de Residencias Artísticas do Gaiás unha nova creación en colaboración co Festival RESIS de Música Contemporánea. Karst é o nome do proxecto no que están a traballar o compositor Hugo Gómez-Chao e a deseñadora de moda e arquitecta Raquel Buj, unha proposta que hibrida música, danza e investigación biomaterial e que se materializará nun concerto e instalación artística, ambos conectados, na igrexa de Santo Domingo de Bonaval, o xoves 22 de maio.

Karst, é unha reflexión sobre a construción que temos do noso propio corpo, desvinculándoa coas etiquetas e disciplinas que o “normalizaron” ao longo da historia. A obra Materia vibrante de Jane Bennett serve de inspiración e guía das posibilidades de reformulación que existen para entender o noso corpo e os dos outros, así como a nosa idea de sociedade. Así, traballando desde unha dimensión artística e emocional, propón transformar a maneira coa que nos relacionamos coa natureza para imaxinar desde o presente novos futuros que constrúan un agora ecolóxico para todos.


A composición de Hugo Gómez-Chao, que terá a súa estrea absoluta nesta edición do Festival RESIS, será para conxunto de doce voces e catro percusionistas, que interpretarán artistas e músicos do EVO Ensemble e o Grupo de Percusión Arxis. Baseada na descomposición fonética de fragmentos de textos, que van desde o Rerum Natura de Lucrecio, os escritos sobre natureza de Leonardo dan Vinci, e fragmentos de Ángel Valente ou Jacques Lacan, nos cinco movementos que compoñen a peza, as voces emerxen do son da percusión, o son transfórmase continuamente como a cámara lenta e a palabra falada e os textos cantados aparecen ou desaparecen aos poucos.

O contexto instrumental imita estas voces, articula un discurso inspirado en murmurios e rabuñaduras, coma se os instrumentos tratasen de falar, de extraer palabras do material. Toda a peza é un gran desenvolvemento harmónico que emerxe da escuridade cara á luz. Mediante a exploración de diversos materiais metálicos, construíronse para esta obra 15 barras de ferro, bronce e latón, que os percusionistas tocan cara ao final, fundíndose coas voces e facendo que a escuridade dos movementos anteriores sexa brillante, ruidosa e cegadora.

O espazo escénico

Para o concerto en Bonaval, Raquel Buj proponse experimentar con biomateriais creados a partir de materiais naturais como o carbonato cálcico, xelatinas, rocas, cascas, resinas, bicarbonato, sales minerais, ágares e os seus distintos procesos de cociñados, verteduras, cristalizados, mesturados e coidados. Todos eles únense ás metamorfoses de materiais vivos, como os micelios e as bacterias, e á súa disolución para crear diferentes texturas, formas e volumes. Con eles dará forma a unha peza escultórica que funciona como arquitectura, como un baleirado do espazo que ten a capacidade de disgregarse en varios fragmentos e poden adherirse á pel. Estes fragmentos superpóñense aos corpos, fusiónanse con eles xerando outras superficies nun contacto íntimo que transforma a instalación nunha arquitectura viva.

 
Música & Escena
 
Convocatoria aberta
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo